Nova

A Xunta e as federacións de confrarías manteñen un novo encontro de traballo para afondar na competitividade da pesca galega

A Consellería do Mar celebra este mércores un encontro para analizar o estado actual da tramitación de iniciativas demandadas polas entidades sectoriais e estudar o deseño de novas actuacións

A xuntanza forma parte das reunións periódicas entre a Administración autonómica e os máximos responsables dos pósitos no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade

Santiago de Compostela, 16 de setembro do 2025

A Consellería do Mar impulsa a celebración dunha xornada de traballo cos representantes das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores para abordar o desenvolvemento de medidas e cambios normativos cos que afondar na competitividade da pesca galega. A cita, que terá lugar este mércores, estará presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, inclúe no seu orde do día asuntos de gran interese para os profesionais como a modificación do decreto 15/2011, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos, e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas da comunidade.

A xuntanza tamén servirá para analizar o estado actual da tramitación de iniciativas demandadas polas entidades sectoriais como a orde que regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. Ademais, permitirá continuar traballando na nova orde para regularizar e dotar de transparencia á xestión e comercialización dos excedentes derivados do proceso de selección e clasificación dos recursos marisqueiros, coñecidos popularmente como “demasías”.

Esta reunión de traballo forma parte das reunións periódicas entre a Administración autonómica e os máximos responsables dos pósitos, no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade. Así, o Goberno galego reforza o diálogo fluído co sector, unha ferramenta imprescindible no deseño de actuacións que dean resposta ás necesidades das persoas traballadoras do mar.