Nova

Galicia satisfeita polo incremento das posibilidades de pesca de bacallau e o mantemento en especies como a gallineta, a raia e a bertorella no cumio da NAFO

1 de 2
2 de 2

O único punto negativo é a pequena redución na cota de fletán negro dun 0,22% pola aplicación da nova regra de explotación o que se traduciu en 32 toneladas menos cun TAC para o 2026 14.729 toneladas das cales 6.398,9 corresponden á frota comunitaria

A Xunta destaca que este reparto permite un escenario de estabilidade para a frota galega que opera neste importante caladoiro no que faenan oito arrasteiros con portos base en Vigo, Cangas e Marín

Halifax (Canadá), 19 de setembro do 2025

Hoxe rematou a 47ª Reunión Anual da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO) onde decidiuse as posibilidades de pesca para o vindeiro 2026. A delegación galega que participou no cumio manifestou a súa satisfacción polos resultados das negociacións destacando un incremento dun 18% dos totais de capturas admisibles (TAC) de bacallau na división 3M ata as 16.360 toneladas das cales 7.813 t corresponde á frota comunitaria. Un aumento que alcanza o 120% desde o ano 2023, despois de 14 anos de peche desta pesqueira. Tamén hai unha tendencia positiva na zona 3L cunhas posibilidades de pesca de 40.000 toneladas, 1.552 t corresponden á Unión Europea o que supón un incremento do 56,4%.

Por outra banda, no que respecta á gallineta, mantense estable na zona 3M con 7.813 t son para a frota comunitaria das cales 233 t son para España. Trátase dunha pesqueira importante ao axudar a xerar volume e ter unha composición de capturas o suficientemente grande para xerar mareas. Tamén logrouse esquivar o peche da división 3O, 3L e 3N, clave para a frota galega, pois interactúa coa bertorella 3NO (1.000 t) e coa raia das división 3L, 3N e 3O (7.000 t). No primeiro caso, o TAC queda nas mesmas 8.000 t deste ano, 2.800 t  para a UE, e de 6.000 t na zona 3L e 3N, con 1.093,8 t para a frota comunitaria.

No caso da bertorella, unha pesqueira que está gañando importancia para a frota galega, ,  asignouse unha cota de 1.000 t para as divisións 3N e 3O, as mesmas que este ano, fronte as 400 t propostas polo Consello Científico, correspondendo a España 255 t. A Comisión da NAFO tamén determinou un TAC de 7.000 t de raia para as zonas 3L, 3N e 3O, unha cifra sensiblemente superior ás 3.460 t do Consello Científico, mantendo España as 3.403 toneladas do 2025, polo que é o principal país da UE que explota este recurso pesqueiro. Ademais, medra un 35% as posibilidades de pesca de limanda o que supón 24.290 t para o 2026, das cales España ten asignadas un 10% de pesca incidental.

O único punto negativo é a pequena redución na cota de fletán negro dun 0,22% pola aplicación da nova regra de explotación o que se traduciu en 32 toneladas menos cun TAC para o 2026 14.729 toneladas das cales 6.398,9 corresponden á frota comunitaria.

Impacto no sector

A Xunta destaca que este reparto consolida a boa xestión deste caladoiro e permite un escenario de estabilidade para a frota galega que opera neste importante caladoiro no que faenan oito arrasteiros con portos base en Vigo, Cangas e Marín. Trátase de embarcacións de esloras que oscilan entre os 50 e os 60 metros que operan nos Grandes Bancos e en Flemish Cap das que dependen 200 postos de traballo directos e varios centos indirectos. Nesta liña, o mantemento do nivel de actividade posibilita a xeración de confianza para investimentos en frigoríficos, en mellora dos buques e á remuda xeracional.

Imaxes relacionadas