Nova

A Xunta apoia á Confraría de Cambados con máis de 1,6 millóns de euros para melloras dos equipamentos portuarios e medidas de xestión do medio mariño

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes da entidade para abordar as necesidades particulares do sector nesta zona e tamén analizaron posibles medidas futura para impulsar a actividade pesqueira e marisqueira

A responsable autonómica puxo en valor a colaboración entre o sector e o Goberno galego para o desenvolvemento de actuacións como a remodelación e ampliación da lonxa de Tragove o a promoción dos produtos pesqueiros

Cambados (Pontevedra), 23 de setembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, avanza na súa axenda de visitas ás diferentes confrarías galegas co obxectivo de abordar de xeito específico as necesidades particulares dos profesionais nas diferentes zonas produtivas. Nesta ocasión foi a quenda da entidade sectorial de Cambados con cuxos responsables mantivo un encontro de traballo e no que destacou a importante labor que realiza esta confraría no impulso de iniciativas coas que reforzar a actividade pesqueira e marisqueira.

Na xuntanza abordouse as necesidades particulares dos profesionais do mar e foron analizadas posibles medidas futuras para impulsar a competitividade do sector. Nesta liña, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, resaltou o apoio da Xunta á Confraría de Cambados ao abeiro das distintas liñas de axuda autonómicas que alcanzan un total de 1.6 millóns de euros. Uns recursos que permitirán a realización de diferentes proxectos como a remodelación e ampliación da lonxa de Tragove que ronda o millón de euros. Tamén actuación vencelladas ao desenvolvemento de medidas de protección do medio mariño coas que se contratan ás vixilancias e asistencias técnicas.

A titular de Mar puxo en valor a colaboración entre o Goberno galego e este pósito para o desenvolvemento doutras actuacións como a mellora dos equipamentos portuarios para a adquisición dunha lavadora de caixas e melloras das condicións laborais no interior da rula. Un traballo conxunto que alcanza o ámbito da promoción dos produtos pesqueiros mediante o apoio da XXI Festa da Vieira de Cambados, celebrada o pasado mes de xullo. Un especie que viviu unha das súas mellores campañas en termos de produción e facturación dos últimos anos con máis de 7 toneladas por valor de case 125.000 euros.

Imaxes relacionadas