Nova
A Xunta lidera o debate das comunidades sobre o futuro da Política de Cohesión
O Goberno galego aposta por unha xestión descentralizada destes fondos e pon en valor o traballo levado a cabo polas autonomías, ao mesmo tempo que advirte de que a centralización no reparto destes fondos suporía un acceso máis complexo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convoca aos membros deste organismo a unha reunión en Santiago de Compostela, o próximo 21 de outubro, para valorar a proposta da Comisión europea sobre o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025
A Xunta vén de anunciar a celebración dunha reunión da delegación española no Comité Europeo das Rexións o próximo 21 de outubro en Santiago de Compostela. Esta reunión extraordinaria responde á necesidade de debater a nova proposta anunciada pola Comisión Europea, que supón un cambio na fórmula no que o financiamento chegaría as rexións. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocou aos membros da delegación a un acto no que todas as autonomías terán a posibilidade de expoñer a súa posición particular e do que previsiblemente nacerá unha declaración común para defendela en Bruxelas.
O pasado 16 de xullo a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, presentou a súa proposta para o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 para a Unión Europea. Nesta nova formulación do órgano executivo o orzamento alcanzaría os 2 billóns de euros, o que representa en torno ao 1,26% da renda nacional bruta promedio da UE para ese mesmo período. Aínda que estes datos supoñen un lixeiro aumento respecto ao orzamento anterior, as comunidades autónomas teñen amosado o seu desacordo con este novo enfoque.
Xa en febreiro deste ano, en resposta, o presidente da Xunta, en calidade de presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións (CdR), entregou un documento coa posición común das comunidades ao comisario de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto. Neste documento as dezasete comunidades recoñecían a importancia da política e os fondos de cohesión para o desenvolvemento e a redución das diferencias entre rexións europeas, polo que manifestaban a súa preocupación pola deriva do debate sobre o MFP 28-34.
Desde o punto de vista de Galicia, e do resto das autonomías, a Política de Cohesión que se desenvolveu en parte a través de plans rexionais demostrou ser unha ferramenta adecuada para acadar o obxectivo de reducir as disparidades entre as rexións. O titular do Goberno galego tamén defendeu o labor que se realiza desde as comunidades e lembrou que Galicia é exemplo de boas prácticas e eficiencia no momento de aplicación destes instrumentos de financiación. Por iso, para o Goberno galego a centralización do reparto e xestión destes fondos non só é contraproducente a nivel organizativo, senón que implicaría que o acceso das rexións a estes fondos sería máis complexo, ao contrario do que pretende a Comisión coa súa proposta.
Para a Xunta, a transparencia é un dos eixos fundamentais nos que se debe asentar unha política orzamentaria sólida. Nesta liña, a Administración autonómica considera que a introdución do Goberno central como autoridade única de xestión dos fondos de cohesión pode resultar nunha perda da trazabilidade das partidas orzamentarias e priva a Galicia da posibilidade de deseñar uns plans integrais específicos para as necesidades dos galegos e as galegas.
Política Agraria Común e Pesca
Outro punto de preocupación no CdR é o futuro dos fondos destinados á Política Agraria Común é a Pesca. Os mecanismos dos que dependían os fondos para a protección e desenvolvemento destes sectores estratéxicos quedarían relegados a epígrafes englobados en macrofondos estatais, que previsiblemente reducirían de forma notable as inversións vitais para asegurar o seu futuro. Concretamente, suporá ata un 20 % menos respecto á presente PAC, xunto cun incremento da porcentaxe de cofinanciación, algo que para Galicia se traducirá nun impacto negativo dun 25 % en relación coa situación actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Este recorte sería máis considerable polo proceso de descarbonización que están a sufrir ambos os sectores debido á Transición Verde defendida por Bruxelas.
As Consellerías do Mar e do Medio Rural xa están a traballar para facer fronte aos cambios que suporía este novo deseño na distribución dos fondos europeos. O mecanismo descrito pola Comisión -os Plans Nacionais e Rexionais (PNR)- supón que Agricultura e Pesca sexan desprazados como piares da construción da Unión Europea. A Xunta rexeita esta postura porque significaría socavar o principio de seguridade alimentaria da UE, entendida como a capacidade de garantir o subministro de alimentos seguros, nutritivos e sostibles aos cidadáns.
No caso da Política Pesqueira Común (PPC), Galicia defendeu no propio CdR o ditame A política pesqueira común sobre o terreo: cara a comunidades costeiras sustentables e resilientes na Unión Europea que, entre outros obxectivos, pretendía que a Comisión tomara unha perspectiva integral do asunto, poñendo en valor a complexidade dun sector moi arraigado nos territorios litorais e con unhas dimensións económicas e sociais particulares. En parte, grazas a este posicionamento Úrsula von der Leyen incluíu no seu Comisariado unha carteira específica de Pesca e Océanos, na actualidade ocupada polo chipriota Costas Kadis.