Nova
A Xunta financia a posta en marcha dun novo centro de atención diúrna para persoas con alzheimer ao abeiro das estratexias de desevolvemento local
A conselleira do Mar sitúa esta actuación como exemplo do impacto transversal destas actuacións e destaca que este ano foron aprobados 160 proxectos que mobilizarán un investimento público-privado de 15,8 millóns de euros
A iniciativa inclúe a construción de seis apartamentos adaptados para turismo sostible e o desenvolvemento de paquetes turísticos integrados con actividades vencelladas ao patrimonio marítimo e a cultura mariñeira
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Ría de Arousa deu luz verde a 21 proxectos que son beneficiarios de apoios autonómicos que superan en conxunto o 1,7 millóns de euros
Boiro (A Coruña), 25 de setembro do 2025
A Xunta, a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp), desprega a liña de axudas para o desenvolvemento de proxectos vencellados ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Unha das iniciativas beneficiarias destes apoios é o novo centro de atención diúrna impulsado pola Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (Agadea) no concello coruñés de Boiro. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, achegouse ao municipio para coñecer de preto o proxecto Agadea Hábitat, iniciado este ano, e que está previsto que finalice a execución o vindeiro ano.
A responsable autonómica situou esta iniciativa como exemplo do impacto transversal destas actuacións que, neste caso, supón un investimento de 725.000 euros cunha achega autonómica de 200.000 euros, cofinaciados con fondos europeos. Este proxecto é un dos 160 que foron aprobados este ano nos que o Goberno galego mobiliza 9,7 millóns de euros que, sumado as aportacións privadas, alcanzan os 15,8 millóns de euros. Un recursos, salientou, que teñen un importante papel nas comunidades costeiras, contribuíndo a dinamizar e diversificar as súas economías, a promover a inclusión social, e a crear emprego.
Entre as actuacións previstas esta a construción dun centro innovador de atención diúrna, con servizos especializados e actividades inclusivas, con capacidade para atender a máis de 40 persoas maiores e con discapacidade ao ano. Tamén a construción de seis apartamentos adaptados para turismo sostible para acoller a mais de 300 persoas en situación de vulnerabilidade. Ademais, desenvolverá paquetes turísticos integrados con actividades vencelladas ao patrimonio marítimo e a cultura mariñeira cos que preténdese valorizar o sector pesqueiro e acuícola así como a inclusión interxeracional.
Marta Villaverde louvou esta iniciativa une a cohesión social, a posta en valor do sector pesqueiro e o turismo sostible e inclusivo. Deste xeito, contribúe a fortalecer a pesca conectando a sociedade coa identidade mariñeira á vez que ofrece un servizo social esencia para as familias con persoas con discapacidade, que padecen alzheimer ou outras demencias. Tamén resaltou o traballo que desenvolve a entidade promotora desde a súa creación en 1994 en diferentes municipios de toda Galicia.
Galp Ría de Arousa
Galicia conta con oito Galp, entidades colaboradoras da Consellería do Mar, distribuídas por todo o litoral galego que engloban a un total de 409 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos dos que 97 son entidades do sector pesqueiro que representan a máis de 13.000 profesionais. Na convocatoria destas axudas deste ano o Galp Ría de Arousa aprobou un total de 21 proxectos beneficiarios de máis de 1,7 millóns de euros en apoios autonómicos.