Nova
A Xunta consensúa co sector o peche dos bancos marisqueiros de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla durante 6 meses para afondar na súa recuperación
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro trasladou ás entidades sectoriais os informes técnicos que sinalan que o estado actual dos recursos marisqueiros desaconsella o regreso da actividade extractiva nestas zonas
Na xuntanza acordouse unha veda en outubro, novembro e decembro, e unha parada biolóxica, con compensacións económicas para os profesionais afectados, no primeiro trimestre do 2026
Santiago de Compostela, 26 de setembro do 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro con representantes do sector para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, nos bancos de libre marisqueo de Lombos do Ulla, Cabío e Bohído, na ría de Arousa. Na xuntanza, enmarcada no modelo de cogobernanza coa que a Xunta aborda a xestión pesqueira en Galicia, participaron representantes das federacións galega e provincial de Pontevedra de confrarías, dos pósitos da ría, membros de Gardacostas e o técnico do CIMA responsable dos traballos de mostraxe. O obxectivo era valorar xunto co sector a situación que presentan na actualidade así como decidir o regreso da actividade extractiva.
Ángeles V. Suárez trasladou ás entidades sectoriais que os datos dispoñibles os cales reflexan un estado actual do recurso que desaconsella o inicio da actividade marisqueira nestas zonas produtivas. Nesta liña, valoráronse medidas de carácter técnico que permitan avanzar na recuperación destes bancos polo que se consensuou a decisión de pechar estas zonas produtivas durante seis meses co obxectivo de consolidar a súa recuperación e favorecer o crecemento das poboacións de bivalvo de cara ao vindeiro ano.
A prohibición de extraer bivalvo será desenvolvida cunha veda durante o último trimestre de este ano e unha parada biolóxica nos primeiros tres meses do 2026 pola que as persoas mariscadoras afectadas recibirán compensacións económicas. Así, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro manifestou o compromiso da Xunta de tramitar esta convocatoria de apoios coa maior axilidade coa finalidade de que estean a disposición do sector o antes posible.