Nova

Marta Villaverde sitúa o sector marisqueiro como axente clave na economía social de Galicia

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Unha dimensión que a responsable autonómica considera prioritaria para afrontar os desafíos do futuro e que, por tanto, debe ser recollida na nova PPC e na implantación do Pacto Verde dos Océanos

O encontro reuniu a confrarías, expertos, investigadoras e entidades sociais co propósito de debater sobre o liderado feminino, o relevo xeracional, a innovación e formación, e de afondar no uso sostible dos recursos marisqueiros

Arcade (Pontevedra), 26 de setembro do 2025

A Conselleira do Mar, Marta Villaverde, reivindicou ao sector do marisqueo como axente clave na economía social de Galicia. Así o trasladou na clausura do congreso organizado pola Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (ADEC) para dar visibilidade ao liderado feminino, destacando o papel crucial das mulleres; xerar novas oportunidades para o relevo xeracional e o emprego xuvenil; apostar pola formación e a innovación como elementos decisivos para a profesionalización, e crear espazos de diálogo cos que facilitar a comunicación entre administracións, entidades e profesionais.

Unha dimensión na que a Administración Autonómica actúa como aliada e que é vital para poder afrontar os desafíos do futuro. Por iso, Villaverde agarda que esta sexa recollida na definición da nova Política Pesqueira Común (PPC) e na implantación do Pacto Verde dos Océanos, pois isto contribuiría a elevar ao sector a un futuro máis xusto, centrado nas persoas, e a un modelo produtivo máis sostible e resiliente. O obxectivo é poder permitir que os profesionais teñan máis e mellores oportunidades, xestionando os recursos coa suficiencia dun horizonte a longo prazo, de xeito que o mar sexa un modelo socioeconómico viable, rendible e desexable.

Congreso

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, situada en Arcade, acolleu a celebración desta iniciativa, que se puido seguir de forma presencial e on line. Reuniu a confrarías, expertos, investigadoras e entidades sociais co propósito de debater sobre os asuntos indicados e de afondar no uso sostible dos recursos marisqueiros. E é que estes colectivos son axentes fundamentais para a transformación do modelo produtivo. Así o reflicte o último Informe da Economía Social de Galicia citado pola titular do Mar e que indica que as confrarías galegas, con máis de 11.000 afiliados, representan o 32% deste tecido nacional.

Imaxes relacionadas