Nova
A Xunta e o CETGA estudan novas liñas de colaboración e destacan os avances na investigación do cultivo en catividade do salmonete de rocha
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou as instalacións do Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura (CETGA) onde destacou a importancia de contar con excelentes investigadores para levar a cabo estes proxectos con éxito
Tamén puxo en valor o papel do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, un referente nacional e internacional, no que se imparte o ciclo medio de Cultivos Acuícolas e o ciclo superior en Acuicultura
Ribeira (A Coruña), 27 de setembro de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángles, V. Suárez, visitou esta semana o Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura (CETGA) no que se está a desenvolver unha investigación do cultivo en catividade do salmonete de rocha co obxectivo de sentar as bases para ampliar o catálogo produtivo da piscicultura galega. A responsable autonómica destacou os avances nos traballos desta iniciativa, na que colabora o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) e que prolongarase ata o 2027. Tamén valorou co presidente e director da entidade, Santiago Cabaleiro, novas liñas de colaboración que permitan afondar a competitividade e liderado galego no ámbito acuícola.
Nesta liña, Ángeles V. Suárez destacou a importancia de contar con talento investigador e persoal cualificado á hora de desenvolver iniciativas ambiciosas como esta. Así, puxo en valor o apoio do Goberno galego aos centros de investigación e innovación mariña como este aos que se suman outros como, o CIMA, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ou o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependentes da Consellería do Mar, e que sitúan á comunidade á vangarda.
A directora xeral sinalou que, con ese obxectivo, desde a Xunta se impulsa a formación no ámbito marítimo-pesqueiro en diferentes niveis coa finalidade de ofrecer a mellor capacitación profesional aos novos traballadores. Neste punto, puxo en valor o papel do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), referente a nivel nacional e internacional no que se imparten as titulacións de ciclo medio de Cultivos Mariños e o ciclo superior en Acuicultura.