Nova
Os 746 establecementos adheridos ao Bono Peixe levan facturados 8,3M€
A responsable autonómica puxo en valor o desenvolvemento desta acción que está a aumentar o consumo a nivel xeral, espertando o interese na xente moza, ademais de supor unha clara aposta polo comercio de proximidade
As descargas ascenden a 218.474 e os descontos nos consumidores aproxímanse aos 1,9 millóns de euros
A Estrada (Pontevedra), 27 de setembro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, continuou este sábado co seguemento da evolución do Bono Peixe, impulsado por este departamento para incentivar a promoción e o consumo dos produtos marítimo-pesqueiros frescos. Así, nun dos establecementos adheridos da Estrada anunciou que os 756 negocios que se sumaron á iniciativa da Xunta acumulan unha facturación de 8,3 millóns euros, o que supuxo un desconto para os consumidores de preto de 1,9 millóns.
A responsable autonómica puxo así en valor o desenvolvemento desta acción que está a ser decisiva para o aumento do consumo, espertando incluso o interese na xente moza. Precisamente, estes, xunto á aposta polo comercio de proximidade, eran dous dos obxectivos que se fixou o Goberno galego coa posta en marcha desta compaña no mes de xullo e, que tal e como destacou Villaverde, se están a cumprir sastisfactoriamente.
Descargas
Na actualidade, as descargas ascenden a 218.474, das que 94.399 se produciron na provincia de A Coruña, 82.899 na de Pontevedra, 21.179 na de Lugo e 19.997 na de Ourense. Polo que respecta ás peixerías adheridas as cifras son as seguintes: 302 de Pontevedra, 288 da Coruña, 78 de Lugo e 78 de Ourense.
A esta pioneira acción, a Administración autonómica destina 2,5 millóns de euros. A campaña artéllase economicamente en dez tramos de 250.000 euros, que se liberan cada sete días para o seu uso, que poden acumularse ao importe non consumido de tramos anteriores, quedando libres para o seu uso ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa ou a fin do período de validez do bono.
Marta Villaverde lembrou que a iniciativa aínda está vixente, polo que, tanto os usuarios poden seguir descargando os bonos, como os establecementos sumarse a esta iniciativa, que lles permite aos galegos acceder a descontos do 25% nas súas compras ata un máximo de cinco euros semanais. No caso de non gastar todo o saldo, este poderá acumularse nas sucesivas semanas ata un máximo de 25 euros.