Nova
A Xunta comunica á UPTA que os temas achegados xa están sendo abordados nos encontros de traballo coas federacións galega e provinciais de confrarías
A Consellería do Mar sinala que, a iniciativa das federacións de confrarías, son temas que forman parte da liña de traballo que a Administración realiza man a man co sector
Santiago de Compostela, 27 de setembro do 2025
A Xunta traballa co sector marítimo-pesqueiro na actualización da normativa autonómica co obxectivo de establecer un marco xurídico máis flexible e adaptado ás necesidades actuais dos profesionais. Nesta liña, a Consellería do Mar mantén encontros de traballo periódicos, como o celebrado o pasado 17 de setembro cos representantes das federacións galega e provinciais de confrarías coa finalidade de analizar e deseñar as medidas máis adecuadas para continuar afondando na competitividade deste sector estratéxico.
Así o trasladou a responsable deste departamento autonómico, Marta Villaverde, no encontro coa Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), onde escoitou as propostas desta entidade e lle informou que eses asuntos forman parte das liñas de traballo abertas no marco da cogobernanza da Administración autonómica cos máximos representantes do sector. Así, resaltou que a modificación do decreto 425/1993 polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade marisqueira e un dos asuntos que forma parte da folla de ruta establecida coas federacións.
Por outro lado, Marta Villaverde indicou, en relación con outras das propostas formuladas, que os cambios normativos relativos a permitir que as persoas marisqueiras podan compatibilizar esta actividade con outras para complementar os seus ingresos é competencia do Instituto Social da Mariña (ISM). Con todo, comunicou que seguiría avanzando nas vindeiras reunións de traballo coas federacións de confrarías, nesta e noutras iniciativas das achegadas por estas entidades sectoriais.