Nova
Juan Carlos Codesido releva a Lino Sexto ao fronte de Gardacostas de Galicia
O motivo deste cambio nesta subdirección xeral é a recente xubilación do, ata agora, responsable deste departamento, dependente da Consellería do Mar, desde o ano 2009 e que é sucedido polo actual xefe de servizo de Protección de Recursos
O novo responsable de Gardacostas de Galicia é licenciado en Bioloxía Mariña pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Mariña Civil, especializado en seguridade marítima, pola Universidade da Coruña e a Universidade de Salamanca
Santiago de Compostela, 29 de setembro do 2025
A Consellería do Mar oficializou o relevo na subdirección xeral de Gardacostas de Galicia debido á recente xubilación de Lino Sexto, que viña desempeñando este cargo desde o 2009. Así, sucédeo Juan Carlos Codesido, funcionario da escala técnica superior deste departamento autonómico e que ata agora desempeñaba o posto de xefe do servizo de Protección de Recursos.
O novo responsable de Gardacostas de Galicia é licenciado en Bioloxía Mariña pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutor en Mariña Civil, especializado en seguridade marítima, pola Universidade da Coruña e a Universidade de Salamanca. No seu amplo currículo conta cun máster en Executive-MBA así como un curso de Alta Dirección pola Escola de Negocios Caixa de Vigo e tamén é especialista universitario en Economía Pesqueira pola USC. A isto suma unha década vinculado ao departamento de investigación mariña da USC e outras actividades laborais relacionadas coa pesca extractiva e a comercialización de produtos pesqueiros.