Nova
A Xunta pon en marcha o Consello Reitor da Economía Azul de Galicia para actualizar o mapeado e coordinar a execución das acción previstas na estratexia
A conselleira do Mar inaugurou este primeiro encontro onde destacou que a folla de ruta do Goberno galego pretende reforzar o liderado da comunidade no ámbito mariño e referente na transición azul, sostible e integradora
O organismo está composto por representantes de varios departamentos autonómicos con actuacións previstas e orzamentadas na estratexia para facer seguimento da planificación da execución das mesmas
Entre as actuacións a desenvolver están a creación dunha rede que integre aos diferentes axentes da economía azul de Galicia ou o fomento de sinerxías entre os sectores da biotecnoloxía e da acuicultura
Santiago de Compostela, 3 de outubro do 2025
Hoxe celebrouse o primeiro encontro do Consello Reitor da Economía Azul de Galicia (EAG) 2024-2027, co obxectivo de actualizar o mapeado e revisar as accións e o orzamento das actuacións previstas na estratexia autonómica. A reunión, na que estiveron presentes representantes de varios departamentos autonómicos, foi inaugurada pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen sinalou a importancia desta folla de ruta dada a estreita vinculación da comunidade co mar e o seu potencial económico ligado aos recursos mariños.
Marta Villaverde destacou que, deste xeito, o Goberno galego da un paso fundamental no impulso dunha política de país para reforzar o noso liderado neste ámbito e situar a Galicia como referente europeo nunha transición azul, sostible e integradora. Así, puxo en valor a transversalidade dos tres obxectivos estratéxicos, os seis eixos de actuacións e das 40 medidas previstas que implican a 20 entidades e que mobilizarán 114 millóns de euros ata 2027.
A responsable autonómica subliñou que a economía azul está chamada a xogar un papel moi relevante como motor de emprego e innovación polo que, resulta esencial afondar na coordinación interdepartamental baixo unha planificación sólida e un seguimento continuo do cumprimento dos fitos marcados. Para a titular de Mar, a constitución deste órgano amosa o compromiso inequívoco da Xunta cunhas políticas públicas prioritarias que permitirá optimizar todas as oportunidades que ofrece esta estratexia.
Accións a desenvolver
O Goberno galego está traballando no desenvolvemento de accións como a creación dunha rede que integre aos diferentes axentes da economía azul de Galicia, o fomento de sinerxías entre os sectores da biotecnoloxía e da acuicultura, a elaboración dun catálogo galego de I+D+i azul, a creación dun centro de biotecnoloxía azul en rede ou dunha unidade especializada neste ámbito na oficina Galicia Empresa. Unha liña de traballo cunha especial incidencia na innovación en sectores esenciais desta estratexia como son a pesca, marisqueo e acuicultura.