Nova
Villaverde destaca os avances no proxecto de expansión Going Further de Stolt Sea Farm que reforza os investimentos na acuicultura galega
A conselleira do Mar puxo en valor a aposta desta empresa por Galicia onde conta con 10 instalacións en cinco municipios e onde se concentra a maior parte das súas inversións de preto de 300 millóns de euros co obxectivo de triplicar a produción
Os plan da compañía pasan por un novo criadeiro en Ribeira e Cervo, onde tamén está proxectado a construción dun novo sistema de recirculación de acuicultura de linguado, e unha nova planta de procesado en Rianxo
A Xunta, dentro das liñas de investimentos produtivos na acuicultura, leva acumulados ao redor de 8,4 millóns de euros en axudas a Stolt Sea Farm desde o ano 2016, cuxa convocatoria de 2025, dotada con 65 millóns de euros, está pendente de resolución
Santiago de Compostela, 5 de outubro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo unha xuntanza con responsables da empresa acuícola Stolt Sea Farm para coñecer os avances no proxecto de expansión Going Futher no que a comunidade concentra a maior parte dos investimentos. A responsable autonómica, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, puxo en valor o ambicioso do proxecto que reforza o liderado da acuicultura galega en tecnoloxía de produción de peixes planos a nivel continental concentrando o 99% da produción española de rodaballo que no 2024 alcanzou as 10.000 toneladas e unha facturación de 93 millóns de euros.
Nesta liña, valorou moi positivamente a aposta desta compañía por Galicia onde actualmente conta con 10 instalacións localizadas en cinco municipios dedicados á cría e produción de rodaballo, linguado de pintas e anguía. Unha presenza que vese reforzada por parte da empresa ao destinar a maior parte dos seus investimos, de preto de 300 millóns de euros, á comunidade co obxectivo de triplicar a súa produción. Ademais, Marta Villaverde resaltou o proxecto de expansión recolle iniciativas vencelladas ao desenvolvemento de alta tecnoloxía e sinalou a aposta pola aplicación da intelixencia artificial ou o proxectos como o Life Refish, no que participan outras empresas galegas, sitúa a Galicia á vangarda a nivel internacional.
Os plans de Stolt Sea Farm pasan pola ampliación en 200.000 m2 das súa granxa actual en Couso, Ribeira, para o desenvolvemento dun novo criadeiro, a construción dunha planta de procesado en Rianxo, e a construción don novo criadeiro, igual ao existente, e dun novo sistema de recirculación de acuicultura de linguado, no concello lucense de Cervo. Uns investimentos que terían un impacto directo na creación de emprego con máis de 200 empregos directos e 50 indirectos.
A Xunta, dentro das liñas de investimentos produtivos na acuicultura, leva acumulados ao redor de 8,4 millóns de euros en axudas a Stolt Sea Farm desde o ano 2016. A convocatoria correspondente ao 2025, dotada con 65 millóns de euros, está en proceso de resolución das 239 solicitudes recibidas para a posta en marcha de novos proxectos que afonden na competitividade, capacidade de produción e sostibilidade da acuicultura galega.