Nova
Villaverde defende a cadea mar-industria de Galicia como axente esencial no subministro de alimentos de calidade
A titular do Mar destaca o esforzo da frota galega, unha das máis responsables do mundo en termos de sostibilidade e de protección do medio mariño
Reitera a importancia de que a seguridade alimentaria centre a axenda da CE, petición que xa figura no decálogo aprobado polo Consello Galego de Pesca con motivo da revisión da PPC
Insiste no impulso de política europeas que aposten pola redución da dependencia de terceiros países e garantan un level playing field para os pescadores da Unión
O foro supón a antesala da XXVI feira internacional Conxemar, unha edición que xunto coa de 2024 son apoiadas pola Xunta con máis de 600.000 euros
VIgo, 6 de outubro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este luns na inauguración da XIII Conferencia FAO-Conxemar, onde destacou a potencialidade de Galicia como despensa do mar en Europa. A responsable autonómica puxo así en valor a cadea mar-industria da comunidade, xa que ofrece ao consumidor produtos de altísima calidade, contribuíndo, en consecuencia, á seguridade alimentaria global.
Por iso, a responsable autonómica remarcou a importancia da celebración deste tipo de foros, pois permiten dar maior visibilidade, afondar na concienciación alimentaria e reforzar á frota galega, considerada unha das máis responsables do mundo en termos de sostibilidade e de protección do medio mariño.
Deste xeito, expuxo que Galicia é á pesca sostible o que o mar é á saúde, indicando que é a base dun sistema alimentario eficiente, inclusivo e resiliente, pois unha xestión responsable da actividade pesqueira supón tamén apoiar a adaptación ao cambio climático e crear oportunidades xustas, tal e como rexe o Código de Conduta para a Pesca Responsable que, con 30 anos de vixencia, e logo de ser o instrumento máis importante despois da Convención das Nacións Unidas Sobre o Dereito do Mar de 1982, permitiu impulsar acordos internacionais tan relevantes como as medidas do estado rector do porto para combater a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
Todo elo, debulla un escenario ao que Galicia non é alleo. Proba delo, é que a seguridade alimentaria forma parte do decálogo aprobado polo Consello Galego de Pesca ante a futura Política Pesqueira Común. Este documento demanda, precisamente, que este factor ocupe un lugar destacado na folla de ruta da Comisión Europea, priorizando a redución da dependencia de terceiros países e garantindo un level playing field para os pescadores da UE e os operadores económicos da cadea de valor dos produtos do mar.
Trátase, destacou Villaverde, de que os produtos galegos alcancen autonomía e a autosuficiencia no mercado interior europeo, privilexiando o seu consumo na liña marcada pola Comisión na Estratexia da Granxa á Mesa e no marco do Pacto Verde Europeo.
XIII edición
A décimo terceira edición deste foro supón a antesala da XXVI feira internacional Conxemar, que terá lugar desde mañá ata o xoves na cidade olívica. Unha cita que sitúa a Galicia como epicentro da industria pesqueira europea, así como nun escenario referente, que crece ano a ano, ao amparo dun sector estratéxico en España e para a economía galega. 797 expositores procedentes de 46 países se darán cita estes días, convertendo a Vigo no epicentro da industria do conxelado.
A Consellería do Mar colabora na celebración dos dous eventos, a través do convenio bianual 2024-2025, a través do que o departamento autonómico achega máis de 600.000 euros.