Nova

Marta Villaverde sitúa a Galicia como referente internacional do sector transformador dos produtos pesqueiros

1 de 6
2 de 6
3 de 6
4 de 6
5 de 6
6 de 6

A responsable autonómica destacou este evento como punto de encontro no que detectar tendencias, visibilizar solucións así como activar negocio e potenciar sinerxías para situarse estratexicamente fronte a demanda de produtos sostibles, trazables e eficientes 

Tamén convocou ao conxunto do sector e das administracións a traballar de forma coordinada fronte á proposta da Comisión do Marco Financeiro Plurianual que cualificou de prexudicial para con un sector estratéxico e vital para garantir a soberanía alimentaria

A Consellería do Mar conta cun espazo propio na feira no que participan 16 empresas galegas do segmento do conxelado que conta con 251 empresas a nivel galego que facturan 6.225 millóns de euros e xeraron 7.845 empregos directos 

VIgo, 7 de outubro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou hoxe a nova edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar) que, coa súa vixésimo sexta edición, consolídase como un dos eventos máis importantes do sector a nivel global. A responsable autonómica, xunto co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou a elevada participación internacional con máis de 750 expositores procedentes de 46 países que sitúan esta cita como termómetro de excepción da capacidade de adaptación da industria do peixe conxelado fronte a retos como os novos patróns de consumo, a presión regulatoria, os cambios loxísticos globais ou a escaseza de materia prima.

Marta Villaverde, situou a Galicia como referente internacional do sector transformador dos produtos pesqueiros. Tamén destacou este evento como punto de encontro no que detectar tendencias, visibilizar solucións así como activar negocio e potenciar sinerxías para situarse estratexicamente fronte á demanda de produtos sostibles, trazables e eficientes. Ademais, puxo en valor o papel cada vez maior da industria auxiliar no desenvolvemento de solucións técnicas a desafíos como a optimización enerxética, a dixitalización, o deseño de formatos sostibles a as crecentes exixencias en materia de etiquetado, certificación e calidade. 

A titular de Mar tamén convocou ao conxunto do sector e das administracións a traballar de forma coordinada fronte á proposta da Comisión do Marco Financeiro Plurianual (MFP) que cualificou de prexudicial para con un sector estratéxico e vital para garantir a soberanía alimentaria. Un labor no que a comunidade ten camiño percorrido coa presentación, o pasado venres, do ditame elaborado polo grupo de traballo constituído ad hoc no seno do Consello Galego de Pesca e aprobado por unanimidade. Un documento que achega argumentos e define a estratexia conxunta co proceso de negociación no horizonte que debe culminar coa aprobación da MFP por unanimidade dos Estados membros.

Dimensión do sector

A Consellería do Mar conta novamente cun espazo propio na feira no que, ademais dun expositor institucional, tamén participan 16 empresas galegas e que contribúe a garantir a representación dunha industria composta por 251 empresas a nivel galego que facturan 6.225 millóns de euros e xeraron 7.845 empregos directos. Un sector, dixo a responsable autonómica, líder, que conta co apoio e compromiso da Xunta para seguir crecendo desde Galicia.

Así, a Consellería do Mar colabora coa Asociación Española de Almacenistas Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) no marco dun convenio para coordinar e establecer as accións conxuntas no ámbito da promoción e comercialización dos produtos conxelados da pesca no 2024 e 2025 por valor de 1,21 millóns de euros. Entre as actuacións específicas se sinalan o plan de promoción do XII Congreso Internacional de Conxemar-FAO, a organización e promoción nacional e internacional desta feira ou un plan de comunicación para promover o desenvolvemento do sector e o consumo dos produtos do mar conxelados.

Imaxes relacionadas