Nova
A delegada territorial da Xunta pon en valor o traballo das confrarías de Pontedeume e Barallobre a prol da valorización da ostra rizada
Pontedeume (A Coruña), 8 de outubro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu esta mañá na confraría de Pontedeume á presentación do proxecto de valorización da ostra rizada, Ostras do Ártabro, unha iniciativa promovida polos pósitos de Pontedeume e Barallobre (Fene) e financiado a través da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) do GALP Golfo Ártabro Norte.
O proxecto, co que se pretende poñer en valor un recurso mariño que ata hai pouco era considerado unha especie invasora e de escaso valor comercial no Golfo Ártabro, nace co obxectivo de desenvolver unha proposta de consumo en fresco da ostra rizada, potenciando o consumo local e de proximidade e promovendo o seu aproveitamento mediante a súa transformación nunha conserva artesanal de calidade. Para iso desenvolveranse ao longo deste ano e do próximo, diferentes actividades de investigación, formación e transformación da ostra rizada, así como xornadas de degustación e divulgación das súas propiedades e calidades nutricionais.
Aneiros aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo de ambas confrarías a prol da promoción da sostibilidade da actividade pesqueira no territorio, impulsando iniciativas de transformación e valorización dos seus produtos.