Nova
Belén do Campo presenta o proxecto “Sabor a Mar con R” como unha experiencia gastronómica e de ocio que aportará valor ao sector pesqueiro da Costa da Morte
Entre as accións máis destacadas do proxecto inclúense a creación dunha rede restaurantes e de empresas de ocio que participen en ofertas no territorio vinculadas aos recursos do mar cun manual que recolla os seus compromisos
A Coruña, 8 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na presentación do proxecto “Sabor a Mar con R” posto en marcha pola Asociación de Profesionais do Turismo Costa da Morte (APTCM), que se prolongará ata xuño de 2027 e que conta cun apoio a través do Galp Costa da Morte (integrado por Muxía, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Ponteceso e Vimianzo), de máis de 87.000 euros financiados pola Consellería do Mar e no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.
A delegada destacou a relevancia dos Galp nosa comunidade xa que contan cunha dotación plurianual de 14,6 millones para o período 25-27.
A presentación contou cun showcooking a catro mans, a cargo das recoñecidas figuras da cociña galega Paloma Riveiro, xefa de cocina do Parador e Álvaro Rodríguez Caamaño, chef do restaurante D,Alvaro, que deleitaron aos asistentes con propostas que combinan creatividade e respecto pola tradición mariñeira con productos como longueirón, algas, percebes, congro e robaliza.
Belén do Campo puxo en valor a presenza, nesta xornada, da Foodtruck de Galicia SABE AMAR. Unha campaña que está sendo todo un éxito xa que, desde 2021, leva o mellor dos nosos pescados e mariscos a cada recuncho de Galicia promovendo un sector esencial para a nosa comunidade. “Galicia SABE AMAR é máis ca unha marca, é un compromiso coa nosa cultura mariñeira e coa excelencia dos produtos galegos”, recalcou a delegada.
A delegada lembrou que en dous anos estas Foodtrucks visitaron todos os concellos da provincia en festas, eventos deportivos, concertos, feiras e eventos e en case un cento de centros educativos.
Bono Peixe
A representante do Goberno autonómico referiuse tamén á campaña do Bono Peixe, unha acción que está a aumentar o consumo de peixe, espertando especial interese entre a xente moza, que contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros e ten por obxectivo movilizar máis de 10 millóns de euros.
Belén do Campo subliñou a importancia da cadea marea industria que representa o 5% do PIB galego e xera 5.000 empregos directos
Sabor a Mar con R
En relación co proxecto “Sabor a Mar con R”, a delegada explicou que “nace coa vontade de poñer en valor os produtos do mar da costa, aproveitando o seu mellor momento nos meses con “R”, para ofrecer unha experiencia gastronómica e de ocio única unindo calidade, tradición e innovación e dando valor ao sector pesqueiro”. A iniciativa consiste na creación dunha rede de restaurantes, que se elaborará ao longo dos próximos meses, na que se ofrecerá tanto a veciños como visitantes a riqueza dos pescados e mariscos da zona e experiencias relacionadas co mar. A iniciativa rematará o 31 de xullo de 2027.
Entre as accións máis destacadas do proxecto inclúense tamén a creación dunha rede de empresas que participen en ofertas no territorio vinculadas aos recursos do mar e á comunidade mariñeira, cun manual para a rede, que recolla os seus compromisos.
Ademais, tamén se contempla a elaboración dunha base de datos de provedores de produtos e servizos do mar e dun calendario óptimo de consumo, a elaboración dun manual con documentación sobre o calendario óptimo de produtos do mar, material formativo e didáctico e actividades de difusión, divulgación, comunicación e márketing.
Neste senso, a delegada recalcou que “esta acción permite crear unha oferta integral vinculada á economía azul sostible e ao impulso da comunidade mariñeira, xerando alianzas empresariais e institucionais en materia gastronómica e turística”.
Costa da Morte
Ademais, apuntou que “estamos nunha zona estreitamente vinculada al sector pesqueiro, tanto a nivel económico, laboral, cultural e social, dado que hai unha dependencia moi importante do sector da pesca”.
A delegada resaltou que proxectos como estes son un exemplo de colaboración entre institucións, profesionais e comunidade local, que permiten fortalecer o sector pesqueiro e marisqueiro, abrir portas á xente nova, dar visibilidade ao territorio e xerar futuro nunha zona con enorme potencial.
Desde a Xunta de Galicia reiterouse o compromiso de seguir apoiando iniciativas que fomenten a economía azul sostible, que dean valor á nosa produción local e que contribúan a consolidar a Costa da Morte como un destino turístico e gastronómico de primeiro nivel.
Neste punto destacou que a gastronomía é un dos principais motivos polos que os turistas deciden visitar Galicia.
Finalmente, a delegada felicitou á Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte e a todos os implicados, desexando moito éxito ao proxecto, que, asegurou “será un referente en Galicia e máis alá”.