Nova

A Xunta inviste desde 2024 na rexeneración e mantemento dos bancos marisqueiros da ría de Arousa máis de 6 M€

1 de 1

En concepto de distintas orde de axudas no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo e no modelo de cogobernanza co que a Administración autonómica aborda a xestión pesqueira en Galicia

Unha folla de ruta que, segundo destacou Ángeles V. Suárez, se complementa co labor investigador dos centros da Consellería do Mar, cos proxectos Redemar e coas achegas concedidas ao Galp, entre outros apoios

Santiago de Compostela, 8 de outubro do 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, destacou, no marco da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, o esforzo da Xunta de Galicia polo mantemento e conservación dos bancos marisqueiros da ría de Arousa. Así o demostran os máis de seis millóns de euros que a Administración autonómica leva destinados a esta finalidade desde 2024, e que se corresponden coas distintas ordes de axudas do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo e no modelo de cogobernanza co que o Goberno da Xunta aborda a xestión pesqueira na comunidade.

É o caso das achegas que están a contribuír a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable e que dispoñen dun orzamento de 4.358.052 euros; así como da orde habilitada para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, coa que se están recuperar hábitats mariños e bancos nesta zona, por un importe total de 1.355.010 euros; ou das axudas á rexeneración que permiten mellorar a produtividade, dotadas con 277.977. euros.

Deste xeito, ao longo dos anos 2024 e 2025, realizáronse nesta ría múltiples traballos de conservación e restauración da biodiversidade dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles. Así, no ano 2024 continuouse co estudo de seguimento de mortalidade de ameixa babosa mediante o control de individuos estabulados en caixas de exclusión fondeadas no banco do Bohído. Na Enseada de O Grove, procedeuse á retirada de ootecas e adultos de murícidos dada a elevada densidade poboacional das especies alóctonas Busano e Canilla. 

Xa no ano 2025, e no banco de O Bohído, executáronse traballos de remoción de substrato nunha zona que abrangueu 1.200 metros cadrados, tanto na primavera coma no outono, para continuar co correcto acondicionamento do sedimento da zona. Neste mesmo banco, tamén se levaron a cabo sementeiras ao norte da zona obxecto dos traballos de remoción, que incluíron a semente de máis de 377.000 unidades de babosa e máis de 22.500  de xaponesa. No ano en curso, tamén se retiraron octecas e adultos de murícidos na Enseada de O Grove mediante mergullo, cun incremento da extracción do 40% respecto da extracción realizada en xuño de 2024.

Máis actuacións

Ángeles V. Suárez citou tamén o importante labor que desenvolve neste senso a rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos creada pola Xunta, REDEMAR, pois está a ser decisiva na identificación de problemáticas para poder planificar accións de investigación que dean solución á perda de produción desta ría. Dentro desta rede, están en marcha os seguintes proxectos: Redecos, destinado á monitorización costeira de parámetros ambientais; Resalber, co que se obteñen marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho; Ecosistémica24, que afonda no enfoque ecosistémico do marisqueo; Calimar, relativo á calidade do medio mariño litoral e o seu efecto sobre a actividade marisqueira; e Octosan, estudo do desenvolvemento e saúde das poboacións naturais de polbo común.

Asemade, a través dos centros científicos da Consellería, estanse a estudar os factores da caída da produción e o seu grao de influencia; unha alianza esencial, dixo a directora xeral, para recuperar a plena capacidade das augas logo das circunstancias naturais e excepcionais que trouxeron un descenso da produción.

No marco deste apoio, o desenvolvemento do GALP demostrou a súa capacidade para fomentar o impulso desta zona costeira que, como acontece con outras, a situación vivida nos últimos anos, levou á Consellería a desenvolver un traballo intenso co sector.

O pasado ano,  foron extraídas en Galicia 3.729 toneladas de moluscos bivalvos, por un valor de 44,1 millóns de euros. En canto á Ría de Arousa, nese período, os datos de primeira venda en lonxas, mostran un total de 1.736 toneladas comercializada por un valor económico de algo máis de 22 millóns de euros.

Imaxes relacionadas