Nova

A Xunta destaca a excelencia da I+G+i na conmemoración do Día da Ciencia en Galicia

1 de 6
2 de 6
3 de 6
4 de 6
5 de 6
6 de 6

As directoras da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e do Instituto Tecnolóxico do Medio Mariño, Covadonga Salgado, participan no acto organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, dedicado ao químico Fernando Calvet i Prats

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día da Ciencia en Galicia, dedicado este ano ao químico Fernando Calvet i Prats. O acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e da directora xerente do Instituto Tecnolóxico do Medio Mariño, Covadonga Salgado, que puxeron en valor o labor desta institución a prol da visibilización da ciencia en Galicia.

Durante o evento fíxose un percorrido pola vida e obra de Fernando Calvet i Prats, científico pioneiro da industria farmacéutica en Galicia, ao que loou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, polo seu papel como modernizador da química e como un dos partícipes da creación dos laboratorios Zeltia no Porriño, dos que foi nomeado director científico. “Grazas a aportacións coma a súa, Galicia é un referente en campos como a biotecnoloxía e a química, con empresas punteiras e centros de investigación e universidades de prestixio internacional”, engadiu.

Ademais, tamén se realizou a entrega da 7ª edición das Medallas de Investigación. “A entrega destas medallas e a recuperación de figuras de relevo como a de Fernando Calvet i Prats contribúe a difundir a ciencia excelente que se fai en Galicia e o potencial da I+D+i con marca galega, a I+G+i que impulsamos desde a Xunta”, apuntou Carmen Cotelo.

Neste 2025, a Academia galega recoñece a traxectoria de cinco científicos galegos en activo das universidades da Coruña e Vigo. O catedrático de Reumatoloxía da UDC, Francisco J. Blanco García, recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; a catedrática de Dereito Internacional Privado da UVigo, Laura Carballo Piñeiro, fíxose coa medalla Domingo García-Sabell da sección de Ciencias Económicas e Sociais; o catedrático de Física Aplicada da UVigo, Juan María Pou Saracho, foi recoñecido no campo das Ciencias Técnicas coa medalla Isidro Parga Pondal; a catedrática de Ciencias da Computación da UDC, Nieves Rodríguez Brisaboa, recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, e, finalmente, a catedrática de Enxeñaría Química da UDC, Mª Carmen Veiga Barbazán, obtivo a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía.

Imaxes relacionadas