Nova

Villaverde mantén unha intensa axenda de contactos con organizacións e empresas no marco de Conxemar

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O conselleira do Mar asistiu ao acto de ronqueo dun gran exemplar de peixe espada organizado por Interfish-España onde destacou a colaboración da Xunta con esta entidade no ámbito da promoción e valorización dos produtos do mar galegos

A responsable autonómica recibiu a representantes da empresa armadora Baipesca Fish, propietaria do pesqueiro Tafra 3 afundido o pasado 12 de setembro despois da colisión con outro buque en augas de Mauritania

Tamén mantivo un encontro con representantes da FAO coa que o Goberno galego colabora no programa de capacitación da iniciativa Portos Azuis que persegue transformar as infraestruturas portuarias en motores de desenvolvemento sostible

Vigo, 8 de outubro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, continúa cunha intensa axenda de contactos no marco da vixésimo sexta edición da feira internacional Conxemar visitando ás empresas e entidades sectoriais participantes. Este mércores a responsable autonómica asistiu ao ronqueo dun gran peixe espada organizado por Interfish-España. No acto mostrouse o proceso artesanal de despezar esta especie para obter as súas partes nas mellores condición posibles e sacando o máximo proveito.

O acto, realizado da man de expertos, abordou as claves dunha técnica que consta de cortes con nomes e usos específicos que divide o peixe en tres partes, cabeza, corpo e cola, extraendo delas os cortes principais como o lombo ou a ventresca. Posteriormente, houbo unha degustación de balde de elaboracións culinarias realizadas con este produto capturado pola frota de palangre de superficie galega.

A titular de Mar destacou a colaboración entre o departamento autonómico e esta entidade no ámbito da promoción e valorización dos produtos do mar galegos ao abeiro dun convenio de colaboración dotado con 200.000 euros. Nel, recóllense accións específicas como campañas de promoción e incentivo do consumo de especies como a quenlla, o marraxo ou o propio peixe espada. Tamén a realización dun informe sobre a situación actual do mercurio nos grandes migradores e a incidencia do selenio no seu consumo que ten como obxectivo divulgar os seus beneficios na prevención de factores de risco cardiovascular ou carcinoxénico.

Marta Villaverde puxo en valor o traballo que se realiza desde Interfish-España, única organización interprofesional pesqueira, que agrupa a OPP-7 Burela, OPP-8 Opromar e OPP-49 Orpagu na rama da produción e con Conxemar na rama da transformación e comercialización. Na actualidade agrupa ao 75% da produción e o 72% da comercialización das tres especies. Froito do seu labor foi o recoñecemento alcanzado este ano co premio Alimentos de España 2025 en pesca e acuicultura.

Baipesca Fish

Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, recibiu a representantes da empresa armadora Baipesca Fish, propietaria do pesqueiro Tafra 3 afundido o pasado 12 de setembro despois da colisión con outro buque en augas de Mauritania. No incidente foron rescatados 21 dos tripulantes, dous deles galegos, e outros cinco continúan desaparecidos.

Esta empresa, cunha traxectoria de máis de 30 anos no sector da pesca e comercialización de produtos pesqueiros, conta actualmente cunha frota de nove buques que operan nos caladoiros africanos de Mauritania, Guinea Bissau, Guinea Conakry e Senegal. No último exercicio alcanzou unha facturación superior aos 15 millóns de euros grazas a produtos como o polbo, a pescada, o choco ou o calamar. Cifras que sitúan a esta entidade como un actor relevante do sector galego con operacións internacionais, frota propia e asociada e capacidade loxística consolidada.

Reunión coa FAO

A titular de Mar tamén mantivo un encontro con representantes da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) para abordar a colaboración do Goberno galego no programa de capacitación da iniciativa Portos Azuis. O pasado mes de xullo foi aprobada unha aportación adicional a esta iniciativa de máis de 31.000 euros, na que tamén participa o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Portos do Estado. O obxectivo desta acción é transformar as infraestruturas portuarias en motores de desenvolvemento sostible, promovendo a xestión responsable dos recursos mariños e o benestar das comunidades pesqueiras.

 

Imaxes relacionadas