Nova
O Consello Galego de Artesanía Alimentaria nace co obxectivo de mellorar a calidade e a promoción das producións da nosa comunidade
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, presidiu a reunión na que se constituíu este órgano consultivo dun distintivo de calidade que ampara actualmente 136 operadores da catro provincias
No Consello están representados distintos departamentos da Xunta, así como as organizacións profesionais agrarias, o sector cooperativo, consellos reguladores e asociacións de artesáns alimentarios
Boqueixón (A Coruña), 8 de outubro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, presidiu hoxe a reunión na que quedou constituído o Consello Galego de Artesanía Alimentaria, un órgano consultivo que ten como obxectivo mellorar a calidade e a promoción das producións da nosa comunidade autónoma.
O encontro, no que tamén estiveron presentes os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; de Comercio e Consumo; Gabriel Alén; e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial; serviu para poñer en marcha este órgano no que están representados distintos departamentos da Xunta, así como as organizacións profesionais agrarias, o sector cooperativo, consellos reguladores e asociacións de artesáns alimentarios.
Na sesión abordáronse cuestións como a presentación da normativa reguladora, a análise da situación actual do Rexistro da Artesanía Alimentaria, a difusión do catálogo de empresas operadoras, as accións desenvolvidas en materia de promoción do distintivo de calidade Artesanía Alimentaria de Galicia, a captación de novos operadores e o control da actividade.
Excelencia das producións
Durante a súa intervención, Alemparte destacou que a artesanía alimentaria é unha forma de “producir e de elaborar, pero tamén debe avanzar cara á excelencia e á calidade final das producións”. Neste sentido, engadiu que é preciso elaboralas cada vez mellor e con máis coidado e respecto polo produto.
O director da Axencia subliñou ademais a importancia de protexer o termo “artesán”, evitando o seu uso fraudulento en produtos que non respectan a normativa nin están rexistrados. “Defender o que é auténtico é unha responsabilidade colectiva, e este Consello nace precisamente para iso: para traballar xuntos na promoción, no control e no impulso da artesanía alimentaria galega”, indicou.
Alemparte concluíu sinalando que “a mellor maneira de defender Galicia é seguir facendo ben o que mellor sabemos facer: produtos auténticos, de calidade e con alma galega”.
136 operadores inscritos das catro provincias galegas
Cómpre salientar que actualmente están inscritos en Artesanía Alimentaria un total de 136 operadores das catro provincias galegas, dos cales 47 son da Coruña, 43 de Lugo, 21 de Ourense e 25 de Pontevedra. Todos eles pertencen aos diferentes grupos de produción regulados mediante norma técnica, como panadaría e confeitaría, derivados lácteos, conservas vexetais, mel, cervexa, aceites, licores ou marmeladas, entre outros.