Nova
Gardacostas comisa máis de 30 quilos de ameixa babosa na ría de Ferrol e levanta 5 actas de infracción
Ferrol, 9 de outubro de 2025
O servizo autonómica de Gardacostas de Galicia continúa traballando de forma intensa na loita contra o furtivismo na ría de Ferrol. Froito deste labor, na madrugada deste xoves, efectivos de Servizos Centrais e a Unidade Operativa de Ferrol de Gardacostas, co apoio da embarcación auxiliar do buque Sebastián do Campo e a colaboración da Policía Autonómica, comisaron máis de 30 quilos de ameixa babosa, que foi devolto ao mar, así como incautaron os utensilios para a extracción de bivalvo. Este operativo, no que se levantaron cinco actas de infracción, forma parte dos controis ordinarios que realiza Gardacostas para velar polo cumprimento da normativa que regula a actividade extractiva así como para garantir a trazabilidade do marisco que chega ao mercados.
Desde o departamento autonómico, dependente da Consellería do Mar, subliñan que a actividade furtiva xera graves prexuízos aos profesionais dado que poñen en risco a explotación sustentable dos recursos marisqueiros así como o cumprimento da regulación en materia hixiénico-sanitaria para que os alimentos sexan comercializados en óptimas condicións. Así, desde Gardacostas vai a continuar traballando con diferentes operativos na ría de Ferrol co obxectivo de detectar, sancionar e disuadir o desenvolvemento de actividade marisqueira irregular.