Nova

Villaverde destaca que o Bono Peixe foi utilizado por máis de 146.000 consumidores cun impacto económico en vendas de case 11 M€

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A titular de Mar salientou a gran acollida desta iniciativa que confirmou o interese espertado no conxunto da comunidade, á vez que permitiu dar visibilidade á necesidade de garantir a presenza destes alimentos na cesta da compra

Marta Villaverde sinalou que esta medida pioneira serviu para confirmar de novo o impacto do factor prezo nos hábitos de consumo dos produtos pesqueiros polo que volveu a reclamar ao Estado a rebaixa do IVE ao peixe, marisco e conservas

Tamén puxo en valor que esta acción amosa o compromiso do Goberno galego co conxunto da cadea mar-industria, sector estratéxico na comunidade, así como coa saúde e benestar da cidadanía

Lugo, 10 de outubro do 2025

A primeira edición do programa autonómico de promoción do consumo de produtos pesqueiros frescos, Bono Peixe, finalizou este xoves ao esgotarse os 2,5 millóns de euros que destinou a Xunta a esta medida pioneira. Así o anunciou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, desde o Mercado Municipal de Lugo, onde fixo un balance preliminar desta acción impulsada polo seu departamento. Así, destacou entre as grandes cifras os 750 establecementos adheridos a este programa do que se beneficiaron máis de 146.000 consumidores xerando un impacto en vendas de case 11 millóns de euros.

Marta Villaverde salientou a gran acollida desta iniciativa que confirmou o interese espertado no conxunto da comunidade, á vez que permitiu dar maior visibilidade á necesidade de garantir a presenza destes alimentos na cesta da compra. Uns produtos de excelente calidade e cunhas propiedades nutricionais que representan importantes beneficios para a saúde e benestar da cidadanía, contribuíndo á prevención de doenzas e promovendo unha maior calidade de vida.

Marta Villaverde sinalou que esta acción serviu para confirmar de novo o impacto do factor prezo nos hábitos de consumo dos produtos pesqueiros polo que volveu a reclamar ao Estado a rebaixa do IVE ao peixe, marisco e conservas. Nesta liña, recordou as experiencias positivas de países do noso entorno como Portugal así como o aval de organismos internacionais e por estudos independentes que resaltan o seu impacto positivo para o conxunto da cadea mar-industria. Uns argumentos de peso polos que resulta incomprensible a reiterada negativa do Goberno central a esta medida. Un desleixo que contrapuxo co compromiso da Xunta á hora de poñer en marcha iniciativas de promoción do consumo propias e en colaboración coas principais entidades sectoriais situando a Galicia como referente neste ámbito.

Reparto por provincias

As máis de dez semanas de vixencia do Bono Peixe deixou un comportamento moi diferente nas distintas provincias. Así, A Coruña lidera por número de descargas con máis de 100.000, seguida de Pontevedra con case 90.000, Lugo con 22.000 e Ourense con 21.000. Pola contra, en canto a número de establecementos, a provincia de Pontevedra liderou con 304, seguida da Coruña con 290, con Lugo e Ourense empatadas con 78 establecementos. En total participaron 233 operadores, dos que a gran maioría son establecementos minoristas (188), 26 hipermercados, 18 ambulantes e 1 gran almacén.

Imaxes relacionadas