Nova
A Xunta apoia o VI Camiño Gastronómico do Mar que dinamiza as localidades costeiras do norte de Galicia
Burela (Lugo), 10 de outubro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres na presentación da sexta edición do Camiño Gastronómico do Mar, organizado pola Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela. Durante a súa intervención, Villaverde destacou a importancia da celebración de iniciativas deste tipo que apostan pola dinamización das vilas costeiras, a través do consumo de peixe e marisco e do turismo vinculado á actividade marítimo-pesqueira.
A acción, que terá unha duración de sete semanas e outras tantas etapas, discorrerá por quince concellos do norte de Galicia, desde Ribadeo ata Neda. A Consellería do Mar colabora con esta iniciativa, a través do GALP A Mariña-Ortegal. En cada etapa, os participantes recibirán unha degustación de produtos da lonxa burelesa, elaborados polos chefs da Asociación Cociñeiros Lugo. Poderán selar a súa Compostela en cada municipio polo que discorre o itinerario.