Nova
A Xunta de Galicia destinou 10 millóns ao programa Ciencias Mariñas para avanzar na investigación no marco do proxecto estatal ThinkinAzul
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar expuxo na mesa redonda organizada para avaliar os resultados autonómicos do proxecto os principais logros acadados a través do convenio coas Universidades, CSIC e centros propios
Sinalou melloras significativas no acceso á información a restauración da produción de especies danadas e a análise socioeconómica do tecido produtivo
San Pedro del Piñatar (Murcia), 11 de outubro de 2025
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, participou esta semana no evento final do proxecto ThinkinAzul no que se presentaron os resultados rexionais e nacionais do proxecto. Barreiro interveu na mesa redonda sobre o impacto xerado por esta iniciativa, na que expuxo os “avances significativos acadados en Galicia” polo programa Ciencias Mariñas, no marco do plan estatal.
A representante da Xunta neste foro explicou que a Administración galega destinou 10 millóns de euros a Ciencias Mariñas para avanzar na investigación mariña a través de dous convenios co conxunto das institucións públicas de investigación con intereses directos no ámbito das ciencias e a tecnoloxía mariña. Deste xeito, os convenios que regularon o plan de traballo incluíron tanto ás tres universidades públicas de Galicia, como aos centros do CSIC alí establecidos e aos centros propios da Consellería do Mar como o CIMA, Igafa, Intecmar, Cetmar e Cesga.
Durante a súa intervención, Barreiro sinalou melloras en tres eixos principais de traballo. Así, explicou que co investimento e traballo realizado no marco do ThinkInAzul mellorouse a capacidade de acceso á información de valor, necesaria para tomar decisións e anticiparse aos problemas e riscos no ámbito mariño. Así mesmo sinalou os avances notables no “reforzo e restauración da produción de moluscos e peixes, para abordar máis eficazmente a prevención e resposta antes patoloxías, tendo en conta incluso as proxeccións sobre os efectos do cambio climático.
Finalmente, a secretaria xeral da Consellería do Mar afondou nos resultados obtidos en relación ás novas ferramentas e estratexias de análise económica e socioeconómica “que permitirán unha mellor anticipación e estudio das consecuencias das alteracións que afectan ao tecido produtivo”. Por último, fixo un chamamento á Administración Xeral do Estado, que encabeza o programa, para prever mecanismos de continuidade e transferencia que permitan aplicar e demostrar os resultados acadados.