Nova

A consellería do Mar e a Asociación de Percebeiros de Cariño afondan no plan de xestión deste recurso

1 de 1

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro mantivo un encontro de traballo con este colectivo, no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira

Ángeles V. Suárez puxo en valor o compromiso da Xunta co sector, demostrado na posta en marcha de 153 plans de recursos específicos que favorecen a conservación e explotación responsable da actividade marisqueira

Santiago de Compostela, 11 de outubro do 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro de traballo coa asociación de percebeiros de Cariño para analizar o plan de xestión deste recurso, aprobado no mes de xaneiro co fin de favorecer a conservación e explotación responsable, racional e sustentable deste produto durante un período de tres anos (2025-2027), baixo criterios biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais.

O obxectivo, explica Suárez, é, dado que este colectivo é o titular desta acción, afianzar na monitorización e mantemento do bo estado do recurso e do seu ecosistema, en aras de dar cumprimento á normativa existente, que indica que a actividade marisqueira debe respostar á necesidade de protección e conservación do percebe en zonas intermareais concretas.

Concretamente, a Consellería do Mar puxo en marcha 153 plans de recursos específicos, dos que 63 están destinados ás confrarías ou entidades asociativas e 5 a empresas de transformación e comercialización. Neste senso, puxo en valor o compromiso da Xunta co sector e enmarcou o encontro no modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira de Galicia e na rolda de contactos periódica da Consellería coas diferentes confrarías galegas. A xuntanza tamén serviu para avaliar as necesidades actuais desta entidade de cara a establecer posibles vías de colaboración no futuro.

O percebe constitúe unha importante fonte de ingresos para os traballadores do mar de Galicia, e tamén de Cariño e da súa contorna. Concretamente, dos 230.570 quilos comercializados o pasado ano nas lonxas da comunidade, 56.237 corresponden á de Cedeira.

Imaxes relacionadas