Nova
A Consellería do Mar colabora co Porto de Vigo e a Fundación Marinnleg na formación de inspectores contra a pesca ilegal
A responsable deste departamento inaugurou a quinta edición do curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Amerp
Villaverde sitúa a loita contra a actividade pesqueira fraudulenta como unha prioridade para a Xunta, o que motivou a posta en marcha dun plan integral específico, o reforzo inspector de Gardacostas e a dotación de 152 vixilantes ás confrarías
Vigo, 13 de outubro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este luns a quinta edición do curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado reitor do porto (Amerp), destinado a previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
O Amerp é o primeiro tratado internacional de carácter vinculante centrado especificamente nas materias indicadas. Este acordo, que entrou en vigor en 2016, foi subscrito por 79 partes procedentes de 105 Estados de todo o mundo. Un precepto que, en palabras de Villaverde, permite o crecemento azul, garantir a seguridade alimentaria e o acceso regular a alimentos de altísima calidade como os que se saen do litoral galego; obxectivos, remarcou a conselleira, que van na liña da acción da Xunta, e que se reflicten na posta en marcha do plan integral para preservar os ecosistemas, evitar o fraude e garantir a salubridade dos produtos pesqueiros, así como no reforzo da actividade inspectora de Gardacostas de Galicia. No que vai de ano, este servizo da Consellería do Mar realizou máis de 7.550 inspeccións, das que 2.000 foron infraccións; comisou 21.305 quilos de peixe e marisco; e incautou preto de 28.800 de aparellos de pesca non regulamentados.
En abril, o departamento que dirixe Villaverde, tamén aprobou a orde 2025-2026, a través da cal financia 152 vixilantes e 51 asistencias técnicas á confrarías de pescadores. En total, máis de 4,7 millóns de euros que contribúen a minimizar o furtivismo.
V edición
A acción formativa está coordinada pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación Marinnleg, no marco do convenio existente entre as entidades mencionadas.
Consta de 10 módulos, con 34 horas de formación práctica, 65 de teórica e 15 de clases maxistrais. Desenvólvese nas instalacións da Autoridade Portuaria e está dirixida a profesionais de África. Nela participarán expertos dos servizos de inspección da Axencia Europea de Control da Pesca, da FAO, de Segepesca e da Consellería do Mar.