Nova
A Consellería do Mar prevé rematar o reforzo da ponte das Goritas en Cambados antes do próximo verán
Marta Villaverde visitou a dársena cambadesa para informar do investimento de 400.000 euros por parte de Portos de Galicia na rehabilitación desta infraestrutura e aumento da súa vida útil
Cambados (Pontevedra), 16 de outubro de 2025
A Consellería do Mar prevé ter rematados os traballos de reforzo da ponte das Goritas, en Cambados, antes do próximo verán. Así o comunicou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita ao porto cambadés, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo presidente de Portos de Galicia, entidade promotora da actuación, José Antonio Álvarez.
A conselleira lembrou que o Consello da Xunta informou o pasado día 13 da adxudicación das obras de rehabilitación e aumento da vida útil da ponte de acceso á illa das Goritas, cun orzamento de 400.000 euros, IVE incluído. Ademais informou de que os traballos, que posibilitarán a normal circulación de vehículos pesados e utilitarios cara á explanada e os pantaláns da Illa das Goritas terán un prazo de execución de 6 meses. Para isto, as obras consistirán na reposición da viga 4 do vano 3 da ponte e a limpeza, saneo, reconstrución con morteiro e aplicación de inhibidor de corrosión e morteiro de impermeabilización elástico sobre toda a superficie do formigón.
Polo que respecta ao desenvolvemento da obra, comezará coa instalación dun andamio que permita o acceso á cara inferior do taboleiro. Realizarase entón a substitución da viga 4 do vano 3. Para isto, será preciso o corte do subministro eléctrico para alumeado público e a retirada de varandas e farois. A continuación procederase á limpeza mediante auga a presión e realizarase entón o corte da lousa permitindo o solape das armaduras novas coas existentes. Retirarase a viga e instalarase unha nova prefabricada, que será unida ao resto da estrutura. Posteriormente, realizarase o pavimento da beirarrúa, repoñeranse as varandas e farois e reconectarase o alumeado.
Nas restantes vigas, realizarase unha identificación visual e mediante golpeo das zonas con formigón deteriorado. Sanearase e demolerase a zona danada mediante martelo picador manual e aplicarase morteiro. Posteriormente, aplicarase un inhibidor da corrosión en todos os paramentos de formigón, vigas, cara inferior do taboleiro e cantos laterais.