Nova
O Intecmar incrementa un 3,62% o seu orzamento ata os 5,5M€ para 2026 co fin de afondar na seguridade alimentaria e o reforzo da oceanografía
A proposta do vindeiro ano é máis do dobre da aprobada en 2013, o que supón un aumento do 110,6%, cunha clara aposta polo labor esencial do centro no control técnico e sanitario dos produtos do mar
No encontro informouse do elevado grao de cumprimento do Contrato Programa de 2024, ao cumprírense o 75% das accións estratéxicas
Santiago de Compostela, 20 de outubro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu este luns o consello de administración do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), no que se deu conta do anteproxecto do orzamento para 2026, e que ascende a 5.535.967 euros; un 3,62% respecto do ano 2025.
Esta consignación constata a evolución significativa que as contas deste instituto veñen experimentando na última década, pois a proposta para 2026 é máis do dobre do aprobado en 2013. Un aumento, cifrado en 2.907.831, e que supón un incremento do 110,6% neste período. Está destinado a reforzar a labor esencial do Instituto no control técnico e sanitario dos produtos do mar.
Este reforzo de recursos diríxese de forma maioritaria a asegurar a seguridade alimentaria, a través da incorporación de novos equipos de laboratorio garantindo así o cumprimento de obxectivos cun parque de equipamento renovado e punteiro. Asemade, contribuirán a avanzar no reforzo da oceanografía operacional como ferramenta para fornecer a resiliencia en prol do desenvolvemento da zona costeira.
Outras das partidas que experimenta un aumento significativo é o Capítulo VI, máis coñecido como o Investimentos. Neste caso, ao incremento é do 9%, respecto a 2025.
Cumprimento do Contrato Programa
No transcurso do encontro tamén se deu conta do informe sobre a avaliación do grao de cumprimento do Contrato Programa correspondente ao ano 2024, que reflicte que este centro, dependente da Consellería do Mar, acadou os obxectivos operativos previstos de xeito satisfactorio. Proba delo, é que se acadou o cumprimento de máis do 75 % das accións estratéxicas. Estas consistiron en mostraxes desde embarcacións, rexistro de variables ambientais, análise nas zonas de produción moluscos cultivados en viveiros flotantes, detección de distintas biotoxinas, patoloxías ou elementos microbiolóxicos.
Centro referente en España
No consello de administración tamén se deu conta do nomeamento do subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Juan Carlos Codesido, como vogal do Intecmar en substitución do seu predecesor, que cesou do cargo por xubilación.
Ubicado no Porto de Vilaxoán, e dirixido por Covadonga Salgado, o Intecmar dispón de 88 profesionais. Constitúe o instrumento oficial da comunidade autónoma de Galicia para o control da calidade do medio mariño e a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar. Os resultados transmítense aos distintos departamentos da administración autonómica relacionados e ás entidades sectoriais do marisqueo e a acuicultura: Confrarías de Pescadores, Organizacións de Produtores e Asociacións Profesionais.
Dende 2021, e logo do convenio de colaboración asinado coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), desígnase a este Instituto como laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas. Na actualidade, conta con doce proxectos de investigación en vigor. Asemade, cada ano emite preto de 300 resolucións de apertura, peche ou cambio de clasificación de zonas; máis de 500 informes do estado das zonas de produción; e máis de 600 avisos que chegan a máis de 500 destinatarios mediante correo electrónico.