Nova
O Igafa afonda na súa excelencia no ámbito da formación en acuicultura e mergullo a través do seu Plan anual de Centro de Referencia Nacional
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou as súas instalacións nas que se están a formar este curso preto de 90 persoas nos ciclos medios en cultivos acuícolas e Técnico en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas e no ciclo superior en acuicultura
Ademais da súa actividade docente, este instituto ten prevista a realización doutras actividades como o deseño dun curso de especialidade E de acuariofilia profesional ou dun curso en liña de RAS para docentes de centros de formación estatais, entre outros
A Illa de Arousa (Pontevedra) , 21 de outubro do 2025
O instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) afonda na súa excelencia no ámbito da formación profesional a través do seu Plan Anual de Centro de Referencia Nacional (CRN). Así o destacou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na visita das instalacións deste centro que na actualidade é un referente a nivel internacional, e que realizou colaboracións con outras comunidades e países como Francia, Portugal Marrocos, Reino Unido, Arxentina, Namibia, Chile ou Sri Lanka. A responsable autonómica tamén puxo en valor os equipamentos cos que conta o centro autonómico e dos que se benefician preto de 90 persoas que se están a formar este curso nos ciclos medios en cultivos acuícolas e Técnico en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas e no ciclo superior en acuicultura.
O instituto, inaugurado en 1992, conta cunha planta de cultivos mariños que ocupa unha superficie de 1.175 m2. Esta inclúe as seccións necesarias para realizar o acondicionamento dos reprodutores, incubación, cultivo e alimentación larvaria, preengorde ou o engorde das diferentes especies cultivadas. Ademais, o departamento de mergullo dispón dunha piscina de auga doce de 2 metros de profundidade e 15 metros de largo, un pozo de inmersión exterior de auga salgada de 4 metros, cámara hiperbárica, zona técnica de preparación de clases prácticas, almacenes de material, taller de soldadura o de mecánica naval, entre outros.
Uns equipos que, xunto coa calidade e especialización do equipo docente, fixo posible co ciclo medio en Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas fora homologado este ano polo International Marine Contractors Association (IMCA), principal entidade mundial que establece normas e directrices para as operacións de mergullo en alta mar. Deste xeito o Igafa sitúase como o primeiro centro público de toda España en alcanzar este recoñecemento afondando no liderado internacional de Galicia no ámbito da formación marítimo-pequeira.
Nesta liña, Ángeles V. Suárez puxo en valor o desenvolvemento doutras actividades no marco do citado plan anual como o deseño dun curso de especialidade E de acuariofilia profesional dentro do marco actual do modelo FP ou dun curso en liña de RAS (sistema de recirculación de acuicultura) para docentes de centros de formación estatais, así como a organización dunha xornada presencial e en streaming sobre s novos retos e lexislación sobre mergullo profesional a nivel estatal, entre outros.
Formación non regrada
A formación impartida polo Igafa vai máis alá da formación regrada e impulsa diversas accións formativas como cursos de mariscador, de recolector de recursos específicos, de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo, curso de iniciación ao mergullo profesional, primeiros auxilios de mergullo, ou de mergullo profesional de 1ª e 2ª clase. Unha ampla oferta formativa que sitúa a este centro autonómico como instrumento indispensable e garantía da remuda xeracional dun sector estratéxico na comunidade.