Nova
A Xunta exixe ao Ministerio de Agricultura unha estratexia clara de coordinación para o control da dermatose nodular contaxiosa
Así o trasladou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, na xuntanza da Conferencia Sectorial e do Consello Consultivo de Política Agrícola e Política Pesqueira
Gómez lembrou o traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para facer fronte a esta doenza na nosa comunidade, dado que antes de que se detectaran os primeiros focos en España xa se puxo en marcha unha campaña de información para o sector
En relación coa proposta da UE para a nova PAC a partir de 2028 incidiu, unha vez máis, no rexeitamento desde Galicia porque supón unha redución de fondos e a perda dos dous piares, que afectaría negativamente ás accións de desenvolvemento rural
Tamén participou a conselleira do Mar para abordar a proposta da Comisión de posibilidades de pesca para o Mar Báltico e o establecemento das cotas de atún vermello na vindeira reunión da ICCAT en Sevilla o vindeiro mes de novembro
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
A Consellería do Medio Rural exíxelle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz da dermatose nodular contaxiosa (DNC), co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade ao sector gandeiro. Así o trasladou hoxe a titular deste departamento, María José Gómez, na xuntanza da Conferencia Sectorial e do Consello Consultivo de Política Agrícola e Política Pesqueira.
Gómez lembrou o traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para facer fronte a esta doenza na nosa comunidade, dado que antes de que se detectaran os primeiros focos en España xa se puxo en marcha unha campaña de información para o sector gandeiro para explicar esta enfermidade e recomendar o incremento de medidas de prevención e bioseguridade nas explotacións.
Neste sentido, aconsellouse evitar, na medida do posible, o traslado de animais bovinos dende zonas próximas aos focos desta enfermidade detectados en países europeos, incrementar as medidas de bioseguridade e reforzar a vixilancia pasiva nas granxas galegas, de tal xeito que no caso de que apareza a enfermidade, se detecte o antes posible.
Como vén sendo habitual, informouse desta situación a todos os Servizos Veterinarios Oficias e demais axentes do sector como as Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), colexios veterinarios e asociacións. Así mesmo, tamén se está a realizar unha campaña de concienciación cos operadores que transportan gando, así como un plan de control respecto aos animais trasladados que chegan a Galicia, co fin último de minimizar o risco de entrada desta enfermidade na comunidade.
Novo Marco Financeiro Plurianual
En relación co Novo Marco Financeiro Plurianual a partir de 2028, a conselleira do Medio Rural incidiu unha vez máis en que a proposta da UE para a vindeira PAC, cunha arquitectura baseada nun fondo único para os estados membros, é lesiva para Galicia e non blinda todas as medidas que actualmente contempla a Política Agraria Común. Como xa se lle trasladou ao Goberno central en varias ocasións, Gómez insistiu no rexeitamento do documento presentado pola Comisión Europea porque supón o desmantelamento do modelo actual, baseado en dous piares con fondos diferenciados que aseguran a renda dos agricultores e fomentan o desenvolvemento rural.
Un rexeitamento que se fundamenta tamén polo recorte de fondos que supón, de ata un 20 % con respecto á PAC actual, o que representará unha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais. Por todo isto, a conselleira volveulle solicitar ao ministro Planas que defenda os intereses dos agricultores e gandeiros en Bruxelas.
Pesca no mar Báltico
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, abordou no Consello Consultivo a proposta de regulamento da Comisión polo que se fixan as posibilidades de pesca aplicables no Mar Báltico para 2026. Se ben a frota galega non ten intereses directos no Mar Báltico, nin cotas asinadas, a responsable autonómica destacou que Galicia mantén unha participación activa nas negociacións da Unión Europea sobre as posibilidades de pesca (TACs e cotas) do Báltico, xa que estas marcan precedentes para outras augas da UE que si afectan á nosa frota.
A vindeira reunión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún do Atlántico (ICCAT), que terá lugar en Sevilla do 17 ao 24 de novembro, foi outro dos asuntos tratados. Villaverde defende a necesidade manter as cotas de especies como o bonito do norte, o peixe espada, a quenlla, o atún de aleta amarela e o atún vermello. En canto ao atún patudo, o Goberno galego demanda que a Comisión manteña unha negociación dun sistema de asignación que garanta un trato igualitario entre os buques comunitarios e extracomunitarios.
Respecto ao marraxo, a titular de Mar puxo en valor os esforzos da frota europea en axudar á recuperación do stock desta especie que está incluída no Apéndice II da CITES, que solicita aos países exportadores que demostren a sostibilidade das súas capturas. Dado que non se está acreditando, o Grupo de Revisión Científicas (SRG) das autoridades europeas da CITES decidiu, xa en setembro do 2022, prohibir as exportacións e importacións deste recurso pesqueiro. Villaverde reclamou, como tamén o está a facer o sector, o reforzo da recompilación de datos que permita contar cun mellor coñecemento biolóxico así como cunhas avaliacións científicas máis sólidas dos stocks.