Nova

A Xunta reactiva a Comisión do mexillón como instrumento para afrontar os retos do sector

1 de 2
2 de 2

Mar sitúa este espazo común como clave para reforzar o liderado desta actividade extractiva e tamén para a toma axeitada de decisións por parte da Administración, co fin de que estas revertan na mellora da xestión do cultivo deste produto

O departamento de Villaverde reforza así o seu compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento deste recurso, debullando unha estratexia conxunta co sector que se verá complementada cos proxectos que xa ten en marcha a Consellería

Santiago de Compostela, 22 de outubro do 2025

A Xunta de Galicia reactiva a Comisión do Mexillón como instrumento para afrontar coas máximas garantías os retos do sector. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu a reunión deste órgano, onde defendeu a importancia da súa función consultiva e de asesoramento entre Administración e profesionais, definíndoo como espazo común para reforzar o liderado desta actividade extractiva e tamén para a toma de decisións por parte da Administración, co fin de que estas revertan na optimización da xestión do seu cultivo.

Neste senso, Villaverde remarcou que para asumir os desafíos actuais resulta imprescindible que os produtores actúen desde o consenso e o diálogo; o mellor método, engadiu, para potenciar este produto que é un dos máis destacados da acuicultura galega, está recoñecido internacionalmente pola súa excelencia, e supón un recurso moi destacado no eido gastronómico.

Estratexia conxunta

A Xunta de Galicia reforza así o seu compromiso coa sostibilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico, debullando unha estratexia conxunta co sector que se verá complementada cos proxectos que xa ten en marcha a Consellería do Mar.

É o caso de Apromex, destinado á análise de poboación de semente de mexillón no intermareal rochoso e a avaliación de novos sistemas de captacións); o convenio coa Universidade de Vigo para a identificación e marcaxe selectiva de larvas deste molusco mediante anticorpos monoclonais; e Capacitamex, dirixido á mellora da capacitación das asociacións de produtores; entre outros.

Imaxes relacionadas