Nova
A Xunta reforza a proxección e dixitalización das rulas galegas coa posta en marcha do portal web de comercialización ‘Lonxas Galegas 4.0’
Marta Villaverde destacou que esta actuación reafirma o compromiso do Goberno galego coa seguridade alimentaria, a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a eficiencia na xestión comercial dos centros de venda e lonxas
Esta ferramenta mellora a visualización da oferta dos produtos pesqueiros das rulas galegas así como optimiza os procesos de compra mediante a participación remota dos compradores profesionais
Desde o inicio do proxecto foron procesadas máis de 7 millóns de notas de venda por valor de máis de 400 millóns de euros pola comercialización de 205 especies diferentes capturadas, cun investimento próximo aos 10 millóns de euros
Santiago de Compostela, 23 de outubro do 2025
O sector pesqueiro galego continúa dando pasos na súa modernización e aplicación das novas tecnoloxías na súa actividade co obxectivo de gañar eficiencia e maior accesibilidade na adquisición dos seus produtos por parte dos clientes. Neste marco, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, presentou na Cidade da Cultura o novo portal web de comercialización de Lonxas Galegas 4.0 co que, salientou, refórzase a proxección e dixitalización das rulas galegas.
A responsable autonómica destacou que esta actuación reafirma o compromiso do Goberno galego coa seguridade alimentaria, a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e a eficiencia na xestión comercial dos centros de venda e lonxas. Esta nova iniciativa supón a creación dun portal web que servirá como ferramenta para mellorar a visualización da oferta dos produtos pesqueiros das rulas galegas así como para optimizar os procesos de compra mediante a participación remota dos compradores. Así, este programa permite seguir cada lote desde o mar ata o prato con sistemas conectados entre lonxas, confrarías, distribuidores e mercados, facilita canles de venda seguros e fiables
Marta Villaverde puxo en valor que esta actuación é o resultado do traballo realizado desde o 2018, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a creación dunha plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión (Xeslon) e os de poxa e comercialización (Siscom). A titular de Mar indicou que, neste tempo, desenvolvéronse dúas fases nas que se foron incorporando lonxas en centros de venda, confrarías e asociacións sectoriais polo que a previsión é que, ao remate deste ano, sexan 56 rulas e 70 pósitos os integrados nesta iniciativa.
As cifras
A conselleira do Mar explicou que o investimento realizado pola Xunta neste sistema alcanzará a finais deste ano os 10 millóns de euros, permitindo ata o momento o procesado de máis de 7 millóns de notas de venda, cun valor de facturación de máis de 400 millóns de euros, comercializando 205 especies diferentes capturadas por máis de 7.000 unidades de pesca. A responsable autonómica insistiu que este portal supón un paso mais cara a un sistema máis transparente, conectado, sustentabilidade e competitivo. Unha liña de traballo que enmarcou na Estratexia Galicia Dixital 2030 que afonda na aposta polo comercio de proximidade e a redución da pegada de carbono, adaptando o sector marítimo pesqueiro ás esixencias do presente e do futuro.