Nova
Rueda reivindica o liderado galego en investigación mariña que contribúe a facer da comunidade un referente internacional na I+D+i
“Temos que seguir sendo un exemplo a nivel mundial en investigar, sacar conclusións e saber aplicalas”, resaltou
Pon ao sector científico coma exemplo do que significa Galicia Calidade
A Xunta investiu 10 M€ no Programa de Ciencias Mariñas para fortalecer as capacidades das institucións públicas de investigación neste ámbito
A iniciativa, que chega á súa fase final tras tres anos de traballo conxunto, contou coa participación de máis de 250 investigadores das tres universidades, dos centros do CSIC e dos centros de investigación da Consellería do Mar
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o liderado de Galicia na investigación mariña, o que contribúe a consolidar a comunidade coma un referente internacional no I+D+i. “A investigación do medio mariño ten en Galicia un centro de referencia a nivel de España e de Europa e aspiramos a selo a nivel mundial. Temos que seguir sendo un exemplo en investigar, sacar conclusións e saber aplicalas”, indicou.
Rueda, acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no II Encontro cos Sectores do Mar – II Asemblea Final do Programa Ciencias Mariñas de Galicia, unha iniciativa impulsada pola Xunta que chega agora á súa fase final tras tres anos de traballo conxunto entre o sistema científico galego e os sectores do mar. Durante a súa intervención agradeceu todo o traballo feito na investigación “que ten que ver co mar, coa nosa esencia” e que “demostra que esa Galicia Calidade que ten que estar presente en todas partes, tamén o está no noso sector científico”.
Máis de 250 investigadores das tres universidades galegas, dos centros do CSIC (incluíndo o Instituto Nacional de Oceanografía), dos centros de investigación da Consellería do Mar, como o CETMAR e o INTECMAR, e outros organismos da Xunta como o CESGA participaron neste programa de Ciencias Mariñas de Galicia. O obxectivo foi mellorar a xestión dos recursos mariños e do medio, así como facer do mar unha fonte de benestar e progreso.
O presidente puxo en valor que o Programa de Ciencias Mariñas representa un modelo de traballo en rede e de cooperación institucional, no que a Xunta investiu 10 millóns de euros (6 millóns procedentes do Plan de Recuperación e Resiliencia Estatal, 4 millóns dos fondos FEMP) destinados a fortalecer as capacidades das institucións públicas de investigación no ámbito mariño. Grazas a este esforzo, Galicia dispón hoxe de mellores ferramentas para acceder a datos, analizar informacións e tomar decisións baseadas en evidencias científicas sobre o seu medio mariño.
Ademais este programa permitiu tamén avanzar na restauración e reforzo da produción de moluscos e peixes, así como no desenvolvemento de ferramentas de análise económica e socioeconómica para anticipar cambios no tecido produtivo.
Aposta pola I+D+i
Durante a súa intervención, Rueda lembrou a aposta que está a facer o Goberno autonómico por “manter e reforzar a capacidade de investigación de Galicia” e destacou, entre outras medidas, a creación dunha fundación coa que se busca atraer a científicos de primeiro nivel para que desenvolvan a súa carreira na comunidade.