Nova

Mar eleva o seu orzamento en 2026 ata os 225,6 M€ co fin de impulsar unha economía azul sostible e a competitividade da pesca e da acuicultura

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Este esforzo inversor, que supón un 2,2% máis que o realizado no pasado exercicio e é o máis elevado dos últimos quince anos, dá resposta a un decálogo de liñas estratéxicas co que a Xunta aposta polo conxunto da cadea mar-industria galega

Destaca a aposta polo apoio á creación de empresas acuícolas con case 30M€ e o sector transformador cun incremento do 5%, ata os 17M€

A ciencia, a investigación e o coñecemento saen reforzados cun investimento directo nos centros investigadores adscritos á Consellería (Cetmar e Intecmar) de 10M€, aos que se suman 12,4M€ para o programa de ensinanzas pesqueiras, 4,3M€ para a formación naútico-pesqueira e 5M€ para o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica

Refórzanse as axudas para a explotación sustentable e a seguridade a bordo, acción esta última que experimenta unha suba de máis do 140% con relación ao ano anterior

Portos de Galicia e Gardacostas de Galicia reciben 35 millóns e 18,2 millóns, respectivamente

Santiago de Compostela, 28 de outubro do 2025

A Consellería do Mar eleva o seu investimento no 2026 aos 225,6 millóns de euros, un 2,2% máis que en 2025, constituíndo así o orzamento máis elevado nos últimos quince anos. A responsable deste departamento, Marta Villaverde, compareceu na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para dar conta das previsións orzamentarias que este departamento manexará o vindeiro exercicio co fin de protexer e restaurar a biodiversidade, impulsar a competitividade dos sectores da acuicultura e da pesca, desenvolver unha economía azul sostible e establecer novas oportunidades de mercado para o sector marítimo-pesqueiro.

Trátase dun orzamento dimensionado, proporcionado e realista que resposta ao contexto socioeconómico actual, articulado en base a dez liñas estratéxicas que reforzan o compromiso da Xunta co desenvolvemento e impulso do conxunto da cadea mar-industria da comunidade. Neste senso, e dentro do primeiro eixo de actuación, Galicia como líder na defensa do sector pesqueiro europeo, as contas da próxima anualidade están dirixidas a cumprir tres obxectivos principais:   dispoñer dun fondo específico e coa dotación suficiente no Marco Financieiro Plurianual 2028-2024, o recurso ao veto á pesca de fondo nas 87 áreas do Atlántico nororiental e a revisión da Política Pesqueira Común (PPC).

Dentro do segundo obxectivo, converter o mar nunha gran oportunidade económica, darase continuidade á Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027, que implica compromisos orzamentarios de seis Consellerías, ademais da encomenda ao Cetmar de 500.000 euros para o seu desenvolvemento e das partidas de 450.000 euros para o financiamento e estudos das liñas estratéxicas da Consellería e de 1,2 millóns, por segundo ano consecutivo, para a optimización das instalacións náutico-recreativas.

A defensa da identidade mariñeira e a posta en marcha do seu legado cultural a través do Pcuma,  centra a terceira liña de actuación. Porén, o programa de desenvolvemento sostible das zonas de pesca recibe 22,9 millóns de euros (un 12,3% máis que no ano 2025). Neste apartado, tamén se  inclúen accións de valorización, fomento e promoción do patrimonio coa colaboración, a través de convenios coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a Asociación Empresarial Galega de Carpintería de Ribeira; e o desenvolvemento do Laboratorio Atlántico para a Arquitectura, o Patrimonio, a Cultura e o Turismo do Mar (Sealabhaus) posto en marcha este ano; entre outras actuacións.

Investigación e coñecemento

O esforzo da Consellería do Mar para a potenciación destas dúas áreas é claramente significativo, como así o demostran as partidas destinadas ao Cetmar e ao Intecmar con 4,5 millóns e 5,5 millóns, respectivamente. Un esforzo inversor a través do que se potenciarán os proxectos de investigación e innovación para o complexo mar-industria, a diversificación e desenvolvemento sostible do tecido social e produtivo e a consolidación do seu carácter internacional. Ao Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica destínanse 5 millóns de euros; Redemar, que pon en contacto ao sector pesqueiro e aos organismos científicos, incrementa a súa contía nun 20% ata chegar aos 2,4 millóns de euros; os proxectos coas universidades galegas reciben máis de 570.000 euros; o Observatorio Costeiro de Galicia 280.000; e a rede de control de Galicia 500.000.

Coa vista posta no relevo xeracional, en 2026  a partida en formación naútico-pesqueira chega ata os 4,3 millóns, un 27% máis con respecto ao exercicio anterior, e o Programa de Ensinanzas Pesqueiras rolda os 12,4 millóns, un 9,5%  máis. En paralelo, estudarase coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional outras liñas de traballo que permitirán afondar na profesionalización do sector e na acreditación por competencias, apostando pola formación profesional dual con 420.000 a reciclaxe formativa dos actuais profesionais; e con 100.000 a primeira adquisición dun buque de pesca.

Explotación sustentable

No obxectivo de protección da costa e do medio mariño e a explotación sustentable dos recursos, seguiranse mellorando as zonas de produción e protección dos ecosistemas con partidas tan destacadas como 5 millóns de euros para as paralizacións temporais; 4,5 millóns para que que as Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) desenvolvan os seus plans de produción e comercialización; 8,4 millóns para a xestión integral dos recursos biolóxicos mariños; 1,57 para a seguridade alimentaria; 2,5 millóns (máis do 140% con respecto a 2025) para garantir as condicións laborais e a seguridade a bordo; case 30 millóns para a creación de empresas de acuicultura e máis de 2 millóns para o aumento do potencial das zonas de produción e asesoramento específico para a estas explotacións, mellora da gobernanza e innovación e consecución da neutralidade climática;  así como 640.000 euros para os convenios coas Federación Galega de Redeiras O Peirao, as Confrarías de Pescadores  e as tres Federacións Provinciais de Confrarías de pescadores.

Transformación e soberanía alimentaria

O investimento para a industria da transformación aumenta un 5% ata os 17 millóns de euros. No marco da consideración de que Galicia debe ser rexión soberana no alimentario inclúense as seguintes partidas: á mellora da comercialización mediante campañas e participación en feiras destínanse 14 millóns de euros, que se complementan con outras  de 2,32 millóns para o fomento da comercialización no marco da calidade e valor engadido, e 1,5 millóns para a economía circular e a seguridade alimentaria, incrementándose estas últimas nun 100%. A dotación para a  participación  nas feiras sectoriais,  nacionais e internacionais (29 no 2026), duplícase e sitúase nos 7,7 millóns de euros. No casos das actividades de promoción coas entidades máis representativas do sector (Conxemar, Anfaco-Cytma, DOP Mexillón de Galicia, Craega ou Interfish-España), o investimento supera o millón de euros.

Portos de Galicia e Gardacostas de Galicia

Galicia dispón de 128 portos, dos que 122 están xestionados por Portos de Galicia de forma directa. Para a súa mellora e posta en valor destínanse un orzamento total para 2026 de 35 millóns de euros, que son parte dunha planificación plurianual que ascende a 146 millóns de euros. En canto ás partidas máis destacadas, resérvanse 48 millóns plurianuais para a mellora das condicións de traballo do sector profesional e a seguridade; 10 millóns de euros para obras de dragaxes; e 4,5 millóns para a administración electrónica e dixitalización. Á conservación e ao plan de mellora das comunicacións viarias resérvanse sendas partidas plurianiuas de 9 e 5,4 millóns, respectivamente. Asemade, o investimento para equipamentos pesqueiros sitúase nos 9,5 millóns.

Para reforzar un servizo único en España e referente en Europa, como é o caso do Servizo de Gardacostas de Galicia, destínanse 18,2 millóns de euros. Esta dotación inclúe 3 millóns de euros para culminar o proceso de renovación das patrulleiras iniciado en 2018, a  loita contra o furtivismo e a contaminación mariña.

Adecuacións normativas

No 2026, o departamento que dirixe Villaverde prevé tres adecuacións normativas. A primeira, vinculada coa actividade do Intecmar, e que inclúe a creación dunha taxa para a determinación de metais en moluscos bivalvos mediante espectrometría de masas con plasma de acomplamento inductivos. As outras dúas obedecen a unha modificación da Disposición Adicional 9ª da Lei 2/2015, do 29 de abril, de Emprego Público de Galicia, polas que se engade unha nova escala operativa en Gardacostas de Galicia con dúas especialidades de patrón de pesca de altura e mecánico naval maior, e a escala de capitán de pesca.

 

Imaxes relacionadas