Nova
Villaverde destaca o carácter estratéxico da economía azul para a Xunta e a acción dos portos como axentes decisivos na transición enerxética
Vigo, 29 de outubro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este mércores na inauguración do evento nacional do Plan de Acción do Atlántico Pilari, onde puxo en valor a economía azul como visión estratéxica para a Xunta de Galicia. Así se reflicte nos orzamentos deste departamento para o vindeiro ano, que darán continuidade ao desenvolvemento da Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027, co fin de impulsar de maneira responsable os recursos mariños e a actividade asociada á cadea mar-industria. Un contexto no que os portos galegos se sitúan como axentes da transformación sostible, inclusiva e respectuosa cos océanos.
Precisamente, con esta finalidade, a Administración autonómica destina o vindeiro ano 35 millóns de euros á mellora, acondicionamento e modernización tecnolóxica das infraestruturas portuarias que xestiona directamente Portos de Galicia, 128 das 122 existentes na comunidade. A responsable de Mar realizou estes apuntamentos a propósito de que no encontro se presentaron as principais liñas de actuación do Plan de Acción do Atlántico durante os últimos anos e se afondou no debate sobre como os peiraos da UE se consideran puntos decisivos na transición enerxética.