Nova

Villaverde sitúa a Galicia como referente na loita contra a pesca ilegal na clausura do curso da FAO para inspectores contra a pesca ilegal

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Esta iniciativa, que persegue o fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto, desenvolveuse por quinta edición a bordo do buque ‘Intermares’, no porto de Vigo  

A conselleira do Mar puxo en valor a alianza da comunidade coa Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura fronte a ameaza da pesca non declarada, especialmente prexudicial para a pesca artesanal e a conservación dos recursos

Vigo, 30 de outubro de 2025

Este xoves finalizou a última edición do curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto (Amerp), destinado a previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou no acto de clausura no que salientou que Galicia é un referente internacional contra estás prácticas grazas, en gran medida, á excelente labor que realiza o servizo autonómico de Gardacostas de Galicia así como os 152 vixilantes e 51 asistencias das confrarías de pescadores galegas financiadas a través das liñas de axudas do Goberno galego.

A responsable autonómica puxo en valor a colaboración da Xunta, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), a Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación MarInnLeg, no desenvolvemento desta iniciativa desenvolvida por quinta edición a bordo do buque Intermares no porto de Vigo. Unha cooperación que salientou como piar para loitar con eficacia contra a pesca ilegal que ameaza a actividade pesqueira sostible, e a fonte de ingresos dos profesionais do mar, e a conservación dos recursos mariños cun impacto directo na seguridade alimentaria da cidadanía. Así, subliñou a importancia de sumar esforzos, compartir experiencias e crear sinerxías que permitan encarar este fenómeno a nivel global.

O curso, que constou con 10 módulos, 34 horas de formación práctica, 65 de teórica e 15 de clases maxistrais, estivo dirixido nesta edición a profesionais procedentes de países africanos. Nas actividades docentes participaron expertos dos servizos de inspección da Axencia Europea de Control da Pesca, da FAO, da Secretaría Xeral de Pesca e da Consellería do Mar. Unha acción formativa que consolida ao porto de Vigo como Training Hub para África e América Latina e que contribúe a proxectar a nivel internacional a posición da comunidade como referente de boas prácticas no ámbito pesqueiro.

Tratado Internacional

O Amerp, primeiro tratado internacional de carácter vinculante centrado na pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, entrou en vigor en 2016 e foi subscrito por 79 partes procedentes de 105 Estados de todo o mundo. O obxectivo é impedir que os buques que realizan estas prácticas podan utilizar os portos para desembarcas as súas capturas, reducindo os incentivos para estas embarcacións continúen operando de xeito irregular e freando a entrada destes produtos pesqueiros nos mercados nacionais e internacionais.

Imaxes relacionadas