Nova

Marta Villaverde continúa en Vilagarcía a rolda de contactos coas autoridades portuarias galegas

1 de 3
2 de 3
3 de 3

No encontro de traballo, a conselleira do Mar e o presidente de dito organismo, analizaron posibles vías de colaboración en aras de impulsar a actividade pesqueira da comunidade

Ao peche do terceiro trimestre de 2025, Vilagarcía rexistrou un aumento do 8,4% no tráfico portuario en comparación co mesmo período do ano anterior, alcanzando as 1.166.753 toneladas

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 30 de outubro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo este xoves un encontro institucional co presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa. Esta visita é a terceira que realiza a responsable autonómica a unha das cincos autoridades portuarias desde que ocupa a carteira de Mar da Xunta de Galicia. No mes de setembro mantivo sendos encontros cos responsables do entes de A Coruña e Marín.

No transcurso do encontro, os dous dirixentes analizaron posibles vías de colaboración en aras de impulsar a actividade pesqueira da comunidade, pois a Xunta, a través de Portos de Galicia xestiona 122 dos 128 peiraos existentes no litoral galego; unha rede das máis extensas de España e que obriga a Administración autonómica a destinar en cada anualidade un importante esforzo inversor. Concretamente, o ente público, dependente de Mar, manterá en 2026 un orzamento de 35 millóns de euros, que son parte dunha planificación plurianual que ascende a 146 millóns de euros.

Villaverde destacou a importancia deste tipo de xuntanzas que serven para consolidar as liñas de traballo existentes e explorar novos horizontes que revertan no desenvolvemento e competitividade das infraestruturas portuarias. Neste senso, a conselleira valorou positivamente os proxectos que este organismo ten en marcha, como son o desenvolvemento da terceira fase do proxecto Ferrocarril Ferrazo, que optimiza a intermodalidade marítimo-portuaria; a pavimentación no peirao de Ferrazo norte; a redacción do proxecto do novo pantalán da dársena 1; ou a liña regular ro-ro, que enlaza o porto arousán con Róterdam, entre outros.

Actividade do porto

Ao peche do terceiro trimestre do ano, Vilagarcía rexistrou un aumento do 8,4% no tráfico portuario en comparación co mesmo período do ano anterior. Esta actividade  alcanzou as 1.166.753 toneladas (90.000 toneladas máis que entre xaneiro e setembro de 2024).

Por categorías, tanto os graneis líquidos como a mercadoría xeral melloraron ao remate de setembro as súas cifras do exercicio anterior. No que respecta aos primeiros, movéronse 249.862 toneladas, un 17,6% máis que no mesmo período de 2024. Nesta categoría, o produto líder en canto á toneladas foi o aceite, que se canaliza a través da terminal de Aceites Abril no porto de Vilagarcía. Na categoría de graneis sólidos, movéronse un total de 297.771 toneladas no que vai de ano, o que representa un lixeiro descenso do 5% en comparación co ano anterior.

Finalmente, na de mercadoría xeral, mobilizáronse un total de 613.854 toneladas, algo máis da metade de todo o tráfico portuario. O aumento porcentual da mercadoría xeral respecto aos primeiros nove meses de 2024 é do 13,2%. Dentro deste apartado, destaca o aumento nos contedores, que aportan a esta estatística 232.331 toneladas (+14 %), equivalentes a 27.512 TEU (unha unidade estandarizada equivalente a un contedor de 20 pés). A novidade máis significativa neste eido é o movemento de mercadoría en tráfico ro-ro, que totalizou case 100.000 toneladas nos pouco máis de catro meses que leva funcionando o servizo regular semanal que conecta Vilagarcía co porto de Rotterdam.

Imaxes relacionadas