Nova
A Xunta afianza a súa aposta pola apertura dos seus produtos alimentarios a novos mercados internacionais no Gastronomic Forum
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu hoxe na inauguración do evento, no que o Goberno autonómico participa cun espazo de Galicia Calidade
A Consellería do Mar conta cun espazo propio para a promoción dos produtos pesqueiros galegos no que participan sete empresas do sector e que acollera un amplo programa de degustacións
Barcelona, 3 de novembro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración do Gastronomic Forum de Barcelona, onde destacou a importancia destes eventos para abrir os produtos galegos a novos mercados internacionais.
A Xunta de Galicia estará presente no evento nun espazo conxunto baixo o paraugas de Galicia Calidade, no que estarán presentes 31 empresas coexpositoras, que conta cun aula de cata e degustación, onde se están a levar a cabo actividades durante os tres días da feira para dar a coñecer os produtos galegos con selo de calidade diferenciada. Contarase ademais con persoal dos consellos reguladores e das empresas expositoras para que poidan dar a probar os seus produtos.
Así, a Consellería do Medio Rural está a desenvolver actividades nas que se poden degustar viño das Denominacións de Orixe galegas -Ribeira Sacra, Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-; dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida -Cebreiro, Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa-; da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia ou das IXP Ternera Gallega, Vaca Gallega-Buey Gallego e Tarta de Santiago, dos augardentes e licores tradicionais ou de produtos co distintivo de Artesanía Alimentaria. Ademais, impartiranse clases especializadas e demostracións de cociña.
Pola súa banda, a través da Consellería do Mar, a cadea mar-industria conta cun espazo propio para a promoción da calidade e sabor dos produtos pesqueiros da comunidade no que participan como coexpositores sete empresas do sector. Ademais, levarase a cabo un amplo programa de degustacións, da man de prestixiosos profesionais da cociña, con atractivas elaboracións no marco da campaña GALICIA SABE AMAR e baixo selos como PescadeRías, de onde senón? ou a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia.