Nova

A Xunta e a DOP Mexillón de Galicia fan balance das accións impulsadas e analizan novas liñas de colaboración de cara ao vindeiro ano

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar mantivo un encontro de traballo co secretario xeral do Consello Regulador para estudar cambios nas medidas realizadas este exercicio co obxectivo de afondar na colaboración para potenciar a promoción e comercialización deste bivalvo

O Goberno  galego investiu nos últimos cinco anos 850.000 euros no desenvolvemento de accións conxuntas con esta entidade para a mellora da comercialización e promoción do mexillón certificado

Santiago de Compostela, 4 de novembro do 2025

O mexillón galego é un dos produtos máis relevantes da acuicultura na comunidade, tanto en termos de produción como de facturación, que alcanzou preto das 179.000 toneladas no 2024 cun valor que superou os 128 millóns de euros. Unha importancia que tamén se reflicte no feito de que foi o primeiro produto do mar e o único en toda España que conta cunha Denominación de Orixe Protexida (DOP), que cumpriu este ano o seu décimo octavo aniversario, que pon en valor a calidade e singularidade do mexillón galego nos mercados.

A Consellería do Mar e o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia contan cunha ampla traxectoria de colaboración que nos últimos cinco anos traduciuse en máis de 850.000 euros de investimento autonómico destinado á realización de accións conxuntas para a mellora da comercialización e promoción do mexillón certificado. Para continuar afondando neste traballo conxunto, a titular de Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro co secretario xeral deste selo de calidade, Joaquín Garrido, para facer balance das actuacións impulsadas ao longo deste exercicio e analizar novas liñas de colaboración de cara ao vindeiro ano.

A responsable autonómica destacou que ao abeiro do convenio entre a Xunta e a DOP foron levadas a cabo este ano diversas accións entre as que destacan a promoción con campañas específicas en diferentes formatos e redes sociais da man de coñecidos influencers coa finalidade de chegar a un público máis xuvenil. Tamén foi realizada a monitorización da produción do produto procedente de bateas certificadas para obter información e datos que permitan mellorar a toma de decisións na comercialización. Ademais, executáronse outras actuacións como a historia gráfica deste produto da man do recoñecido ilustrador galego, Luís Dávila, un obradoiro de hostalaría ou a celebración o Día do Mexillón de Galicia o pasado 23 de setembro, entre outros.

Marta Villaverde puxo en valor o traballo que se está a realizar por parte do Consello Regulador co apoio do Goberno galego e que fixo posible que no 2024 medrara nun 56% o bivalvo certificado ata alcanzar as 18.700 toneladas. Así, hoxe son máis de 2.000 viveiros baixo este distintivo, que representan o 61% das bateas instaladas no litoral galego e que se suman a 12 centros de depuración, 39 empresas transformadoras e máis de 120 entidades e marcas autorizadas ou en proceso de autorización para comercializar este molusco con este selo de calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas