Nova
Mar e a confraría de pescadores do Grove afondan no impulso da actividade marítima da zona, baseada no marisqueo e a pesca artesanal
O Grove (Pontevedra), 4 de novembro do 2025
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, reuniuse este martes con representantes da confraría de pescadores San Martiño do Grove, co fin de afondar no impulso e desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro desta zona. O pósito é un referente na conservación e promoción do marisqueo e a pesca artesanal, de tal xeito que a xuntanza serviu para analizar os retos aos que se enfrontan os seu profesionais, así como as iniciativas que están levando a cabo para mellorar a sostibilidade e a rendibilidade da súa actividade.
Fundada no século XIX, a do Grove é unha das confrarías máis antigas de Galicia. Agrupa a 518 socios, deles 386 dedícanse ao marisqueo a pé, 26 ao marisqueo a flote, 28 a recursos específicos, 78 a pesca de baixura e 44 de outros recursos. En canto ao seu ámbito territorial, abarca a zona comprendida entre punta Borrelo (Cambados), e punta Faxilda (Sanxenxo), ambas no Distrito Marítimo do Grove. Conta con profesionais do mar de catro concellos diferentes da comarca do Salnés: O Grove, Cambados, Meaño e Sanxenxo.