Nova
Galicia formaliza a súa participación no recurso contra a sentenza que avala o veto ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico Nororiental
A Xunta remitiu o martes o escrito de contestación ao recurso de casación do Estado ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea
O Goberno galego argumenta erros na interpretación do Regulamento comunitario relativo ao principio de proporcionalidade respecto ao impacto das artes fixas e no método de determinación das zonas afectadas
Tamén na incorrecta aplicación da Política Pesqueira Común ao non exixir a obriga de garantir a sostenibilidade ambiental, económica e social
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A Xunta formalizou este martes a súa participación no recurso contra a sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea do pasado mes de xuño que avalou o veto da Comisión ao palangre demersal en 87 zonas do Atlántico Nororiental. Así, o Goberno galego presentou o escrito de contestación no que se detallan alegacións complementarias limitadas a cuestións de dereito de especial relevancia para a comunidade ao abeiro do recurso de casación presentado polo Estado ante o Tribunal de Xustiza comunitario.
No documento, o Goberno galego argumenta erros na interpretación do Regulamento comunitario (UE) 2016/2336 polo que se establecen as condicións específicas aplicables á pesca de poboacións de augas profundas e disposicións relativas á pesca en augas internacionais no Atlántico Nororiental. Concretamente no relativo á aplicación do principio de proporcionalidade en relación coas artes fixas. No escrito alégase unha interpretación simplista do concepto dos Espazos Mariños Vulnerables (EMV) ignorando que estes deben responder a ameazas por “efectos adversos significativos”. Un análise da vulnerabilidade que debe estar sustentada “coa mellor información científica e técnica dispoñible”.
Desde Galicia sinálase que o Informe do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) recompilou datos facilitados polos Estados membros que reflectía a pegada da actividade pesqueira pero non analizaba o impacto das artes fixas no fondo mariño. Unha carencia da mellor información científica e técnica dispoñible que se tratou de paliar mediante a presunción de que todas as artes de fondo poden xerar un impacto adverso significativo partindo da base do contacto físico co leito mariño sen avaliar o seu posible efecto na integridade do ecosistema.
O razoamento exposto pola Administración autonómica insiste no erro de equiparar todas as artes de fondo sen tomar en consideración o nivel de impacto no fondo mariño segundo a súa tipoloxía. Así, recordan que no procedemento quedou demostrado que o palangre demersal, que se mantén en suspensión na auga sostido por boias, ten un contacto co leito mariño insignificante polos lastres, de reducido tamaño, de 12 cm. de diámetro e 2 quilos de peso.
Determinación das zonas
A Xunta tamén expón a ruptura do principio de proporcionalidade no relativo ao método de determinación das zonas afectadas sinalando que as denominadas “zonas tapón” representan ao redor do 70 % da área sobre a que pesa a prohibición de pesca. Unha superficie equivalente á metade de Bélxica que responde unicamente a que a localización das artes de pesca pode diferir substancialmente da do buque así como aos riscos hipotéticos vencellados ás correntes e movementos laterais na recuperación dos aparellos. Unha extensión desmesurada que non reforza a protección dos ecosistemas senón que supón a dispersión dos recursos de control, xerando coste operativo e económico desproporcionado sobre áreas onde o risco hipotético é marxinal.
Nesta liña, sinalan que na sentenza recorrida outorgase á Comisión unha marxe de apreciación practicamente ilimitada baixo unha interpretación errónea do principio de precaución, dado que non foron ponderados dun xeito específico e motivado os intereses en xogo. Tampouco foi atendida a obriga estipulada no marco da Política Pesqueira Común de garantir un equilibrio entre a sostenibilidade ambiental, económica e social. Así, non se realizou ningunha análise do impacto socioeconómico desta medida que afecta a máis dun millar de embarcacións galegas que representan o 25 % da frota, e un impacto económico desde a súa posta en marcha que acada os 216 millóns de euros.