Nova

A Xunta aborda con Culturmar accións conxuntas para a divulgación e promoción do patrimonio marítimo de Galicia

1 de 1

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro mantivo un encontro con representantes da entidade para facer balance das accións realizadas   

Tamén puxo en valor o compromiso do Goberno galego neste ámbito e que está recollido no Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse con representantes da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), para abordar as accións conxuntas destinadas á divulgación e promoción do patrimonio marítimo de Galicia, con especial énfase nas embarcacións tradicionais e unha achega autonómica de preto de 60.000 euros.

Na xuntanza fíxose balance das accións realizadas ao abeiro do convenio de colaboración da Xunta con esta entidade que agrupa a 43 asociacións deportivas, culturais, veciñais, etnográficas e colexiadas. Entre as actuacións realizadas destacan a celebración do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais do pasado mes de xullo que reuniu a 130 embarcacións tradicionais de distintas tipoloxías, tanto galegas como doutras comunidades peninsulares e europeas. Tamén permitiu a celebración da IV Copa Mörling- Campionato Galego de Dornas a Vela, composta por seis regatas celebradas en distintos puntos das Rías Baixas como Portonovo, Cambados, Illa de Arousa, O Grove, Combarro ou Bouzas.

A estes eventos, sumáronse iniciativas de promoción da cultura marítima galega a nivel peninsular, mediante a participación en eventos como o XIII Encontro de Embarcaçoes de Vila do Conde e o da súa homónima de Esposende, en Portugal, ou o Batelero Eguna, no País Vasco. Un traballo que, para a responsable autonómica, é froito da colaboración e acción conxunta da Consellería do Mar e Culturmar, unha entidade con máis de tres décadas de traxectoria na defensa do patrimonio marítimo e fluvial galego. Unha liña de traballo na que se vai a continuar afondando no vindeiro exercicio.

Tamén puxo en valor o compromiso do Goberno galego neste ámbito e que está recollido no Plan de Cultura Marítima de Galicia Horizonte 2030 ,que recolle 100 medidas dirixidas a avanzar o seu coñecemento, preservación e posta en valor. Nesta liña, enxalzou a riqueza patrimonial de Galicia espallada polos seus máis de 1.600 quilómetros de costa, cunha gran actividade vinculada ao mar que definiu un gran número de oficios e de modos de vida. Tamén destacou as oportunidades que ofrece a cultura marítima á hora de dinamizar a economía dos concellos costeiros da comunidade.

Imaxes relacionadas