Nova
Villaverde e o alcalde de Baralla subliñan a importancia da acuicultura para a provincia de Lugo
Santiago de Compostela, 10 de novembro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o alcalde de Baralla, Miguel González, analizaron a importancia da acuicultura para este municipio e, en consecuencia, para a provincia lucense. Concretamente, esta localidade da montaña luguesa mantén un forte vínculo con esta actividade, pois o río Neira está considerado como unha gran fonte xeradora de peixes de auga doce, principalmente de troitas.
O rexedor local puxo en valor que esta actividade está a coller un maior pulo na comarca, logo de que a maior produtora de Europa de ovos de troitas fecundadas e unha das máis importantes a nivel mundial, Ovapiscis, situada no concello limítrofe de Baleira, adquirise no 2024 a piscifactoría barallesa. A compañía conta con seis granxas repartidas por Galicia -tres na provincia de Lugo-, Castela e León e Aragón. Con esta actuación, o Goberno galego dá continuidade á súa aposta pola actividade acuícola, como así o reflicten os Orzamentos do vindeiro ano, cunha partida específica de 30 millóns de euros para investimentos en empresas de acuicultura.