Nova

A Xunta e a Fundación Nueva Pescanova converterán Galicia no 2026 nun referente internacional da sostibilidade dos produtos do mar

1 de 2
2 de 2

No primeiro semestre do ano celebrarase en Vigo o cuarto foro sobre esta materia

Con esta acción, Mar consolida a súa aposta pola promoción e preservación dos recursos mariños, xerando valor económico e social

Santiago de Compostela, 11 de novembro do 2025

A Consellería do Mar e a Fundación Nueva Pescanova revalidarán a colaboración de cara ao vindeiro ano, para levar a cabo actuacións como a do IV Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar, que converterá á comunidade nun referente internacional na materia.

Así o acordou a responsable do departamento autonómico, Marta Villaverde, cos representantes do colectivo empresarial, no marco dunha xuntanza na que afondaron no desenvolvemento desta iniciativa, que acollerá a cidade olívica no primeiro semestre de 2026.

O Goberno galego destinará ao desenvolvemento do relatorio 62.500 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Será un punto de encontro no que se darán cita distintos axentes que operan no eido da transformación azul e un espazo de diálogo sobre a práctica da pesca e a acuicultura responsables, o seu impacto e a innovación científica e empresarial.

Con esta actuación, tal e como subliña Villaverde, “a Xunta consolida a súa aposta pola promoción e preservación dos recursos mariños, xerando, en paralelo, valor económico e social”. En definitiva, unha acción que “vai na liña da Estratexia de Economía Azul de Galicia, coa que mobilizamos 144 millóns de euros e que nos sitúa como rexión punteira na protección dos ecosistemas do mar e no uso axeitado dos recursos para garantir o desenvolvemento económico a longo prazo”, concluíu.

Imaxes relacionadas