Nova

Mar sitúa a ciencia e a investigación como claves no desenvolvemento do marisqueo e a xestión do recurso

1 de 2
2 de 2

Os Orzamentos para 2026 contemplan partidas para esta acción por valor de máis de 3,8 M€

Galicia é a única rexión que dispón dun sistema real de cogobernanza na xestión dos recursos marisqueiros, a través de plans elaborados polo propio sector, en coordinación coa Consellería

O Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia, desenvolvido co sector, está a mobilizar 123 M€

Desde 2024 Mar puxo a disposición do sector máis de 14 M€ para a rexeneración, restauración e vixilancia dos bancos marisqueiros

Santiago de Compostela, 11 de novembro do 2025

A Consellería do Mar considera a ciencia e a investigación elementos estratéxicos na optimización da xestión do recurso e o impulso da actividade marisqueira galega. Así o indicou este martes na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na que deu conta das accións da Administración autonómica para a xeración de oportunidades neste eido.

Con esta finalidade, os Orzamentos do vindeiro ano dispoñen dunha dotación de máis de 3,8 millóns de euros para a xestión e accións de investigación nos centros de investigación mariña e proxectos no marco de Redemar, preto de medio millón de euros máis con respecto ao 2025. Esta rede, tecida entre o sector pesqueiro e os organismos científicos da comunidade, está a permitir neste intre, segundo destacou V. Suárez, “a execución de 21 proxectos de investigación por valor de máis de 4,8 millóns de euros”. Están relacionados, entre outras cuestións, coa restauración de bancos naturais, a mellora da produción e supervivencia dos moluscos bivalvos, a modernización e a profesionalización do sector.

A este respecto, detallou que o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), ao longo do seu medio século de vida, “consolidouse como un referente en materia de investigación e  está a contribuír de xeito decisivo ao coñecemento dos ecosistemas costeiros, á mellora dos recursos pesqueiros e marisqueiros e ao impulso da innovación no ámbito da acuicultura e da calidade ambiental mariña”.

A día de hoxe no CIMA estanse a desenvolver múltiples accións de investigación, para as que se ten comprometido un orzamento de máis de 1,2 M€, relacionadas, entre outras cuestións, co cultivo do salmonete de rocha, o desprendemento do mexillón en batea, a mellora do cultivo de larvas de invertebrados mariños en criadeiro, a depuración de toxinas nos moluscos bivalvos, a existencia de patoloxías no berberecho ou a monitorización da costa galega.

Especies invasoras na ría de Pontevedra

As competencias en materia de conservación da biodiversidade mariña corresponden de xeito principal á Administración Xeral do Estado, a través do  Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Con todo, a Administración autonómica impulsa directamente ou promove o desenvolvemento de medidas de xestión de especies exóticas invasoras que son necesarias para protexer e conservar os recursos marisqueiros, tanto da ría de Pontevedra como do resto do litoral galego.

Esta acción, que vai acompañada da coordinación cos distintos axentes do sector e cos centros de investigación, fai que Galicia sexa a única rexión que dispón dun sistema real de cogobernanza na xestión dos recursos marisqueiros. Deste xeito, na medida en que algunha especie exótica con comportamento invasor supoña un risco para a conservación dos recursos mariños vivos, poderá ser obxecto de medidas de seguimento e/ou xestión pola Consellería do Mar. Así, “as posibles actividades de control de especies exóticas invasoras compréndense dentro das accións de conservación, mantemento, recuperación ou mellora dos hábitats e das zonas de produción que se incluirán nas propostas dos plans de xestión de marisqueo na medida en que se consideren precisas”, precisou a directora xeral.

Produción marisqueira

Para o mantemento da produción marisqueira, V. Suárez puxo de relevo as diversas medidas técnicas e de investigación postas en marcha ante os fenómenos meteorolóxicos adversos acaecidos no inverno do 2024, e que foron determinantes no descenso do recurso e na situación excepcional na que se atopa a produción marisqueira. Un traballo “exhaustivo” que se plasmou en informes técnicos e con reunións e mesas de traballo nas que participaron tanto o persoal científico da Consellería, como das confrarías, “e que permitiu deseñar unha folla de ruta conxunta” que deu lugar ao Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo de Galicia 2024-2025, co que se están a mobilizar 123 millóns de euros.

En paralelo, e unha vez que tivo lugar a situación excepcional de  temperaturas anómalas e fortes choivas acontecida no último trimestre do 2023 e principios do pasado ano, a directora xeral indicou que “se puxeron en marcha medidas técnicas e de investigación para avaliar a situación, realizando o seguimento de todos os bancos marisqueiros por parte dos técnicos das entidades asociativas do sector e do departamento autonómico, co fin de analizar a mortaldade de poboacións dos moluscos bivalvos e documentalo nos datos de seguimento e informes efectuados”. Desde 2024 Mar puxo a disposición do sector máis de 14 M€ para a rexeneración, restauración e vixilancia dos bancos marisqueiros.

Imaxes relacionadas