Nova
A Xunta valora os axustes na proposta da UE para a nova PAC e o Fondo Pesqueiro, pero mantén ante o ministerio que son "insuficientes"
María José Gómez e Marta Villaverde incidiron unha vez máis en que esta proposta non é beneficiosa para Galicia
No caso da PAC supón un recorte de fondos de ata un 20 %, o que se traduce nunha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais e implica a perda dos dous piares que na actualidade blindan as achegas directas e os fondos de desenvolvemento rural
Reclámase tamén un fondo específico e unha contía suficiente para a pesca e que as rexións volvan estar no centro das decisións naquelas materias que lles afectan de xeito directo
Gómez trasladoulle ao Goberno central que estes cambios “non implican máis recursos para os países”, polo que é preciso seguir reclamando, con contundencia, unha PAC forte, diferenciada e ben dotada
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2025
As conselleiras do Medio Rural, María José Gómez, e do Mar, Marta Villaverde, participaron hoxe no Consejo Consultivo de Política Agrícola e Política Pesquera convocado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, onde valoraron os axustes na proposta da UE para a nova Política Agraria Común e o Fondo Pesqueiro. Así mesmo, demandaron ante o Goberno central que estas medidas son “insuficientes”.
Neste sentido, incidiron unha vez máis en que a proposta da Comisión Europea para a PAC a partir de 2028 e o novo fondo de pesca posterior a 2027 non son beneficiosas para Galicia. No caso concreto da PAC, porque supón un recorte de fondos de ata un 20 %, o que se traduce nunha redución de arredor de 80 millóns de euros anuais.
A proposta ten unha arquitectura centralista que implica a perda dos dous piares que na actualidade aseguran a renda dos agricultores e fomentan o desenvolvemento rural. Coa nova proposta a PAC integraríase nun fondo común para os estados membros no que non todas as liñas estarían blindadas con orzamento propio.
Pola súa banda, Marta Villaverde esixiu tamén que a proposta recolla un fondo específico para a pesca, cunha contía suficiente para enfrontar os retos que o sector marítimo pesqueiro ten por diante e que as rexións volvan estar no centro das decisións naquelas materias que lles afectan de xeito directo.
Nesta reunión, ambas conselleiras reclamaron ante o ministro Planas coñecer máis detalles desta nova proposta de Bruxelas, que prevé a creación dun “obxectivo rural” nos plans nacionais que obrigaría aos Estados membros a dedicar, cando menos, un 10 % ao sector agrícola. María José Gómez cualificou esta medida de “insuficiente”, xa que non é posible executar as iniciativas postas en marcha ata o de agora cun orzamento inferior ao actual. Deste xeito, trasladou ao Goberno central que estes cambios “non implican máis recursos para os países”, polo que é preciso seguir reclamando, con contundencia, unha PAC forte, diferenciada e ben dotada.