Nova

Villaverde destaca que a Estratexia da Economía Azul cumpre o seu primeiro ano consolidando a Galicia como referente internacional en sustentabilidade e innovación mariña

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

Lembra que esta folla de ruta baséase en 40 medidas que nacen do consenso coa comunidade científica, entidades públicas e privadas e a cidadanía e que transforman os recursos mariños en novas oportunidades de emprego e crecemento sostible

Sinala o compromiso do Goberno galego co seu litoral mediante a LOXILGA, que articula un sistema integrado de instrumentos de ordenación

Baiona (Pontevedra), 12 de novembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe que a Estratexia da Economía Azul de Galicia, que cumpre o seu primeiro ano, consolida á comunidade como referente internacional en sustentabilidade e innovación mariña, ao garantir que o mar siga sendo motor de crecemento económico, protección ambiental e benestar social para as vindeiras xeracións.

Así o sinalou o durante a inauguración do I Foro da Economía Azul de Galicia, celebrado en Baiona no marco do IV Blue Atlantic Forum. O encontro, tal e como indicou a responsable autonómica, constitúe un espazo de debate e planificación e de visión de futuro para coñecer todo o que o tecido galego está a facer, como o está a facer e con que recursos.

Neste sentido, lembrou que a Estratexia da Economía Azul de Galicia, elaborada xunto á comunidade científica, entidades públicas e privadas e a cidadanía, está composta por 40 medidas que nacen do diálogo e do consenso con máis de 200 axentes implicados, e que se sustentan en tres piares fundamentais: sostibilidade, innovación e cooperación.

Unha folla de ruta que, cun orzamento superior aos 114 millóns e en aplicación ata 2027, pretende mellorar a gobernanza, o impulso da innovación e a transferencia tecnolóxica, a protección do medio mariño e do patrimonio cultural marítimo, así como a promoción da remuda xeracional e do emprego de calidade nas zonas costeiras, entre outros.

Compromiso co litoral

Marta Villaverde tamén puxo en valor o compromiso histórico de Galicia coa súa costa, lembrando que foi pioneira en regular por lei o litoral a través da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia (LOXILGA), que entrou en vigor o pasado 1 de xullo, e que articula un sistema integrado de instrumentos de ordenación, que toma como punto de partida a posta en valor da economía azul, mediante a Estratexia de economía azul de Galicia. Esta Estratexia procura servir de apoio ao crecemento sostible dos sectores produtivos vinculados ao mar e ao aproveitamento potencial dos mares e océanos como motores da economía.

Así, lembrou que o litoral galego, con 2.555 quilómetros de extensión, é o máis longo de España e sustenta unha potente cadea mar-industria que achega arredor do 5% ao PIB autonómico xerando máis de 50.000 empregos directos.

Imaxes relacionadas