Nova
Mar e a CEG subliñan a importancia dos produtos do mar para acadar modos de vida saudables
Santiago de Compostela, 12 de novembro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse esta tarde co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Vieites, e ambos coincidiron en subliñar a importancia dos produtos do mar para acadar dietas e modos de vida saudables, que poden ser especialmente positivas en ámbitos como o do deporte.
Na xuntanza, na que tamén participaron representantes do Comité Olímpico Español (COE), fíxose fincapé en que a dieta atlántica é unha das máis prestixiosas entre os deportistas por tódolos beneficios que aporta. Trátase dun tipo de alimentación equilibrado, con moita presenza de produtos do mar e que contribúe a que Galicia sexa un dos territorios que destaquen polos seus índices de lonxevidade.