Nova

Gómez Caamaño salienta a Lei de protección da saúde dos menores como un gran fito na defensa da mocidade contra as condutas de risco

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Galicia regulará de forma pioneira o consumo de alcohol, tabaco e novos produtos prexudiciais, tendo en contra que na infancia se constrúen os hábitos saudables

Villaverde reivindicou Galicia como “comunidade da gastronomía azul” e puxo en valor a actividade pesqueira, realizada “de forma sostible e responsable”

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2025

A Xunta marcará un fito na defensa da xuventude fronte a hábitos de consumo nocivos a través da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas.

Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no acto inaugural do V Congreso da Federación Española de Nutrición e LXXV Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia, no que tamén participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde.

Gómez Caamaño incidiu en que a lei que se atopa en tramitación parlamentaria situará Galicia á vangarda europea contra o consumo de alcohol, tabaco, bebidas enerxéticas e vapeadores.

Gómez Caamaño subliñou como unha responsabilidade colectiva a necesidade de impulsar hábitos saudables na infancia e na mocidade. Nese marco, sinalou como un exemplo do camiño a seguir o programa Obesidade Zero da Xunta, que, entre outras liñas de traballo, procura optimizar os menús dos comedores escolares.

En canto á prevención de enfermidades na infancia, o conselleiro de Sanidade trasladou que a Xunta incorporará o ano que vén novas patoloxías a detectar no cribado neonatal galego, que xa é o máis completo de España. Subliñou, ademais, que Galicia aposta pola vacinación, dispoñendo na actualidade co calendario vacinal ao longo de toda a vida máis completo do Estado e referencia tanto a nivel nacional como internacional.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, reivindicou Galicia como “comunidade da gastronomía azul”, tanto pola calidade e propiedades nutritivas dos produtos do mar, como pola propia acción da actividade pesqueira, que realiza capturas “de forma sostible e responsable, xerando riqueza e emprego nos territorios costeiros”.

A responsable autonómica destacou que “o sector marítimo-pesqueiro achega prosperidade económica e contribúe a construír a nosa marca de país”, representando así “a Galicia Calidade do mar, a Galicia que sabe amar”.

Imaxes relacionadas